Unha foto en plano picado deixa ao descuberto os apuntamentos de Rueda nun mitin: 'Pasa a gallego'

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 13/02/2024 | Actualizada ás 20:34

Comparte esta noticia

Unha imaxe puxo en evidencia ao candidato á reelección como presidente da Xunta polo Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, e levouno a ser viral nas redes e entre os seus opositores. Unha fotografía tomada durante un mitin electoral celebrado este sábado no Hotel Monumento de San Francisco, en Santiago de Compostela (onde Rueda estivo arroupado polo presidente de Andalucía, Juanma Moreno), feita dende o arriba (en plano picado), deixaba ver os seus apuntamentos nos papeis. O que podería quedar nunha anécdota sen máis, tiña unha compoñente sobre a que se centraron todas as miradas: 'Pasa a gallego', poñía na parte superior da páxina.

Apuntamentos de Rueda no mitin con Juanma Moreno: 'Pasa a gallego'
Apuntamentos de Rueda no mitin con Juanma Moreno: 'Pasa a gallego' | Fonte: Europa Press

E é que nesa páxina en concreto todo o que había debaixo estaba escrito en galego. 'Porque o próximo domingo están en xogo dúas opcións de goberno e dous tipos de campaña; están os que veñen traernos aquí os líos que o independentismo xa provocou noutros lugares... Os que veñen dicir que son unha novidade... coa mesma matraca de sempre: que si fóra de España, que si fóra (...), que si só se pode falar na lingua que eles din... Mira que tiveron tempo para pensar en algo novo... pois non... o mesmo que Galicia nunca quixo para si porque non ten nada que ver con nós', poñía nos apuntamentos. Por certo, á palabra 'fóra' o til engadímosllo nós, poñer poñía 'fora', sen til. 

O tema de todo o asunto está no tenso enfrontamento protagonizado por Rueda e a líder nacionalista e candidata polo BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, a pasada semana no debate da CRTVG, onde o popular a acusou de levar un programa no que se quería impoñer o "monolingüismo" nas escolas galegas, ao que Pontón lle respondeu dicindo que "miles de nenos entran pola porta do colexio falando galego e saen falando castelán", e preguntándolle se "segue detrás da pancarta en contra do galego?", lembrando esa foto que sempre lle recordan a Rueda de cando no 2009 se presentou nunha manifestación da asociación Galicia Bilingüe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta