Rogelio Leira, neurólogo: "Existen 190 formas distintas de dor de cabeza e unha delas é a migraña"

Ante a repercusión xerada polo novo fármaco Vydura expón que "non é novo, pero si novidoso pola dobre indicación que ten".

Por Amanda Fernández | Compostela | 06/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Recentemente falouse moito da migraña pola comercialización dun fármaco novo, pero hai moito descoñecemento. Que é realmente esta enfermidade? "Cando un vai ao médico e lle di: 'doutor, doeme a cabeza', os médicos a iso chamámoslle cefalea, a dor de cabeza como un síntoma e non un disgnóstico. A partir de aí existen 190 formas distintas de dor de cabeza e unha delas é a migraña, polo tanto é unha forma de dor, non a única, pero si das máis frecuentes", expón Rogelio Leira, neurólogo do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Migraña, dor de cabeza, cefalea
Migraña, dor de cabeza, cefalea | Fonte: Pexels-Keira Burton

A migraña está caracterizada, segundo explica o sanitario, pola dor situada só en media cabeza, a dor soe ser de tipo vascular pulsátil, "notan sensación dunha pulsatilidade dolorosa nesa parte da cabeza e cando fan movementos, tosen ou esbirran, a dor de cabeza empeora cando fan esforzos e deben estar en repouso". Explica que habitualmente o cerebro está máis sensible e "todo molesta máis" polo que molestan especialmente as luces, os sons, os cheiros, que técnicamente se chaman, "fotofobia, fonofobia e osmofobia, respectivamente". Se a migraña é moi intensa pode chegar a provocar sensación de náuseas ou chegar a vomitar. "Todo isto é unha crise de migraña que pode durar catro horas ou catro días e unha persoa pode tela unha vez cada tres meses ou dez veces no mes, unha persoa que ten episodios recurrentes disto, ten unha migraña", afirma Leira. 

Cal é a incidencia? Hai moita xente que presenta esta enfermidade? "A incidencia é prácticamente igual en todo o mundo, salvo nalgúns países en África ou suroeste asiático. De modo que 18 ou 20 mulleres de cada 100 que hai na poboación teñen migraña e nos homes nun 8 ou 10%. De forma global pode dicirse que prácticamente 12 ou 14 de cada 100 persoas da poboación xeral teñen migraña". 

"A MIGRAÑA NON APARECE, A MIGRAÑA HÉRDASE"

Outro punto a ter en conta é por que se ten esta enfermidade? O neurólogo explica que a "migraña é un problema xenético, polo tanto, non aparece senón que se herda". As persoas que teñen migraña herdan unha parte do seu cerebro máis sensible e máis excitable ca o dunha persoa normal. Cando unha serie de estímulos provocan un aumento desa excitabilidade é "cando se pón en marcha o mecanismo da migraña".  Fai fincapé en que non ten un tipo de herdanza específico, xa que pode haber un matrimonio que teña tres fillos e que os tres sexan migrañosos ou que teña tres fillos e un sexa e os outros non, "é variable".

Os estímulos soen estar relacionados co estrés, a ansiedade, cambios de ritmo de traballo, alteracións do sono, climatolóxicas moi importantes, alteracións da presión ou algún tipo de alimento, ou cambios hormonais moi frecuentes no traballo. "Poden provocar que esa parte que sexa sensible ou excitable, se active e se inflaman unha serie de cousas na cabeza que acaban provocando a dor de cabeza ou migraña", expón.  

O TRATAMENTO PARA A ENFERMIDADE

Sobre como se trata a migraña, indica que "agora mesmo e fai moito tempo hai dous tipos de tratamentos" tendo en conta unha serie de indicacións ao paciente para que intente evitar aquelas cousas que poden desencadear en migraña. "Por un lado, hai un tipo de tratamento que chamamos sintomático, que intenta cortar a crise da migraña, entón tómase ao principio, a modo de calmante. Logo hai outro tipo de tratamento que se chama preventivo, que é para xente que ten crises moi frecuentes ou variantes, son persoas que toman o tratamento para previr non ter as crises". 

Que cuestións descoñece máis a xente sobre a migraña? O experto fai mención a dúas cuestións nas que considera que hai descoñecemento: "Pensan que todo o que doe, que todas as formas de dor de cabeza son migraña ou cefalea de tensión por ser os tipos de dor de cabeza máis frecuentes, desas 190 tipoloxías de dor. A segunda é que a xente pensa que a migraña é única e exclusivamente dor de cabeza.  Pode ter acompañamentos de mal funcionamento do cerebro, o que se chama, o aura, que pode unha persoa ter dor de cabeza e ao mesmo tempo alteracións da visión, da sensibilidade, na emisión ou comprensión da linguaxe, confusión o desorientación". 

A REALIDADE DO FÁRMACO VYDURA 

Recentemente houbo un fármaco moi en boca da xente relacionado co tratamento e prevención das migrañas denominado comercialmente Vydura. O neurólogo Rogelio Leira recoñece que foron varios os pacientes que lle falaron sobre o medicamento, que el xa coñecía de "prácticamente desde hai uns oito anos aínda que acaba de saír agora".

Por que causou tan sensación que ten que non tiña outros xa existentes? "É a primeira vez que un fármaco ten aprobada as dúas indicacións, aprobouse en forma de ensaio clínico tanto para o tratamento sintomático das crises de migraña como para previr. Un tómase canto tes a crise o outro tómase de forma continuada para previr as crises. O mecanismo reacción do fármaco non é novo, o máis novidoso é que o mesmo medicamento sirva para ben tratar as crises ou para previlas", conclúe e engade que desas dúas indicacións, a "Seguridade Social só vai financiar a indicación de preventivo non a de tratamento para a crise". Coa repercusión que tivo a nivel mediático, o neurólogo expresa que "dá a impresión de que non houbese nada antes". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta