Montse Fajardo saca á luz a represión franquista das mulleres do Padroado e logra o premio Xohana Torres 2023

Montse Fajardo lembrou que se trataba de "un órgano de represión contra a sexualidade feminina" e que "durou ata mediados dos 80".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2024 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

A escritora Montse Fajardo foi a gañadora do premio de ensaio e investigación Xohana Torres 2023, que outorga o Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún campo, tanto na actualidade como no pasado, na vida de Galicia, orientado á recuperación da memoria histórica.

O xurado valorou a "orixinalidade e relevancia histórica e social" da obra 'Caídas', da que destacou tamén a súa "calidade literaria" e o "interese actual da súa temática ao achegar á sociedade actual unha institución como foi o Padroado", unha organización "descoñecida para o público en xeral". A premiada dedicou este galardón a todas as mulleres que pasaron polo Padroado, "unha das máis represoras institucións do franquismo" que, tal e como explicou Fajardo, "non só é unha das máis descoñecidas, senón que está afectada pola dobre crueldade do franquismo".

Así, Montse Fajardo lembrou que se trataba de "un órgano de represión contra a sexualidade feminina" e que "durou ata mediados dos 80". "Moitas seguen entre nós. Para elas é este premio e espero que sexa só un primeiro paso para que se siga arroxando luz sobre esta institución", concluíu a súa intervención. Pola súa banda, a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez, destacou que premios como este son "esenciais" e animou a outras investigadoras a participar noutras edicións deste premio "para facer visible o invisible".

Do mesmo xeito, a alcaldesa da capital galega, Goretti Sanmartín, reivindicou que o premio Xohana Torres "verase reforzado porque unha persoa como Montse, cunha traxectoria tan clara na divulgación do traballo das mulleres, sexa premiada con este galardón". Nesta liña, a rexedora manifestou que con este acto "faise xustiza" a unha "figura fundamental" e relatou que Xohana Torres "estaría encantadísima" de que os traballos "tivesen como eixo fundamental a memoria, porque era un dos elementos aos que ela daba especial relevancia".

CONVOCATORIA 2024

O Concello abre este venres tamén o prazo de presentación de obras para a edición 2024 deste galardón e permanecerá aberto ata o 30 de decembro ás 14.00 horas. A esta nova convocatoria pode concorrer calquera persoa física ou agrupacións de persoas sen personalidade xurídica e os traballos deben tratar sobre a participación social e política das mulleres e ter como obxectivo reconstruír a súa memoria histórica. Poden ser ensaios literarios ou científicos, pero tamén pezas audiovisuais sobre as mulleres galegas. Cada premio, un na modalidade de ensaio e outro na modalidade de creación audiovisual (que este ano quedou deserto), estarán dotados con 2.500 euros, que cubrirán os dereitos de edición das obras por parte do Servizo de Publicacións da USC.

Membros da corporación municipal de Santiago de Compostela e do xurado do Premio Xohana Torres na entrega do galardón
Membros da corporación municipal de Santiago de Compostela e do xurado do Premio Xohana Torres na entrega do galardón | Fonte: CONCELLO DE SANTIAGO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta