Belén Sueiro, deseñadora de interiores: "Non vivimos como nos anos 60 onde todo era cor e optimismo"

Continuamos coñecendo como inflúe a perda de cor en distintos eidos do deseño.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 17/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Galicia Confidencial continúa cunha serie de reportaxes onde se procura ver como evolucionaron as cores que nos rodean e que empregamos no noso día a día. Non só nos coches, na vestimenta, ou nos obxectos, senón no interior das vivendas. A decoración cobra especial relevancia e nunha visita por IKEA veremos moitos grises, brancos, negros e, se cadra, algunha que outra cor. Para analizar mellor esta cuestión, contactamos con Belén Sueiro, deseñadora de interiores e presidenta do Colexio Oficial de Deseñadores de Interior e decoradores de Galicia (CODDIG). "O problema é que cada vez vestimos máis uniformes, temos coches das mesmas cores, estamos máis uniformados, a globalización é a todos os niveis", indica a deseñadora que atribúe a situación actual de falta de cores ao contexto socioeconómico e político: "Cada vez quere diferenciarse menos. O que vivimos agora mesmo é unha inflacción, guerras, a emerxencia climática, os interiores tamén son producto desta época, xa que non vivimos unha vida como nos anos 60 que era todo cor e optimismo, non estamos nese momento". Nesta liña, fai fincapé na realidade na que vivimos e na necesidade de dar con esas cores que aportan "protección, calma e tranquilidade". 

A tendencia de cor no deseño de interiores
A tendencia de cor no deseño de interiores

A IMPORTANCIA DAS CORES DE PORTAS CARA ADENTRO

Que sentimento espertan as distintas cores? Por que predominan as paredes brancas? A deseñadora indica que as cores que dan calma serían "o branco, que outorga paz, o azul que é o do ceo ou mar e os grises aínda dan tristeza, tamén serenos". Por outra banda, as cores de máis forza serían o "vermello, laranxa, amarelos". Da perda da cor marrón características dos mobles de boa madeira de antaño, das casas do rural, destaca que houbo unha evolución nos materiais a empregar. "Non se usa tanto a madeira, senón que se aposta polos plásticos, a laca, as resinas, froito do cambio climático e do que custa", expón. 

Se houbo un momento de cambio significativo no que respecta á decoración ou a valorar máis as vivendas, foi a pandemia. A crise sanitaria vivida implicou pasar máis tempo na casa e pensar en cambiar a cor das paredes, en crear novos elementos decorativos... "Ese momento influíu motísimo na decoración e no interiorismo porque quedou patente que non se lle prestaba demasiada importancia á vivenda, que é realmente o noso refuxio", enfatiza. Lembra que se agotaron en pouco tempo televisións, sofás e camas, "suponse que se cambiaron era porque as que tiñan non eran de todo cómodas i é o básico". De igual forma, a pandemia implicou consecuencias e cuestións que viñeron para quedar e xeraron unha nova concepción do espazo interior de cada casa: "Vivimos doutra maneira, saímos antes de traballar, xa temos habilitada unha zona de traballo na casa por mor do teletraballo, a cociña que antes era algo que non se empregaba de xeito social, agora xa se integran como zona de vida do día", comenta. 

O DESEÑO DE INTERIORES EN GALICIA 

O interior das casas galegas de toda a vida caracterízanse por ter múltiples elementos decorativos, tales como eses marcos de fotografías de comuñón, bautizos, por esas figuriñas que agasallaban nesas citas. Agora semella que se aplica máis a premisa de "menos é máis" e, segundo nos di Belén, "somos máis austeros no que respecta aos elementos decorativos". Explica que non ter tantas cousas produce calma visual e tranquilidade e inflúe directamente no noso estado de ánimo, ela definiríao como "maximalismo austero". 

Neste 2024 agarda unha aposta pola natureza con moitas plantas, pola elegancia e por ser maximalistas dentro dunha orde. No que respecta ás cores indica que continuarán seguramente "os brancos, grises e cremas que se usan como tons neutros", pero tamén hai outras neutras máis novas como "o verde eucalipto, o rosa empolvado e o azul grisáceo". Lanza unha pregunta retórica: "Quen é o que di que cores se levan nun ano? Normalmente os fabricantes dos sectores, de teas, de mobles, arquitectos, deseñadores, tras observar o contexto político, social e histórico, que rixe o noso estado de ánimo". 

A presidenta de CODDIG destaca que en Galicia existe "moitísima demanda de decoración de interiores" e que o colexio conta con 300 e pico deseñadores. Reivindica a importancia do seu labor: "Aínda que a xente pensa que con catro cousiñas de Pinterest pode montar unha cafetería, perruquería ou vivenda, realmente nos temos outra percepción e outro aprendizaxe, entón as cousas non quedan igual". Para rematar, fai fincapé na situación xeográfica de Galicia á hora de apostar por un deseño ou o outro, xa que o clima é particular e "custa máis vivir nunha casa totalmente branca porque resultaría moi fría". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta