O sector das renovables critica as paralizacións "aleatorias" feitas polo TSXG dos 20 parques eólicos

Advirte da "xudicialización" de proxectos e pide reunións con Xunta e Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2024 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

A Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia acordou solicitar de urxencia reunións co presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e co delegado do Goberno, Pedro Blanco, así como cos portavoces de Industria dos grupos parlamentarios, para valorar posibles actuacións que permitan "avanzar no desenvolvemento das enerxías renovables" tras as decisións xudiciais que, asegura, "supoñen a paralización completa de todo o proxecto renovable en Galicia".

Nunha nota de prensa, a Mesa -- conformada pola Asociación Eólica de Galicia, a Asociación Galega do Hidróxeno, a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia, a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, CC.OO., a CEG, a Federación Galega da Construción e a Federación de Industria, Construción e Agro de UXT Galicia -- critica que actualmente "calquera proxecto industrial choca cunha conxuntura de incerteza, inseguridade xurídica e indefensión" debido á "xudicialización masiva" de proxectos que contan coa declaración de impacto ambiental (DIA) e que, "aínda así", están a ser recorridas de maneira "absolutamente aleatoria" por plataformas que "se negan a calquera implantación en Galicia".

Proba disto, argumenta, é que "se están recorrendo todos os plans que obtiveron DIA favorable": "É dificilmente defendible que todos os proxectos incumpran a normativa ambiental ou os seus estudos están mal feitos". Neste contexto, a Mesa considera "grave" que non se teñan en conta "os informes do funcionariado das distintas administracións nos procedementos xudiciais", cando, engade, "si se toman en consideración informes particulares das asociacións carentes de todo rigor".

Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo, Galicia.. Carlos Castro - Europa Press
Varios aeroxeradores no parque eólico de Vilachá, a 15 de marzo de 2024, en Lugo, Galicia.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

A organización detalla nesta nota de prensa que o TSXG paralizou ata o momento uns 20 parques eólicos, e a decisión de elevar unha consulta prexudicial ao Tribunal Europeo, "a pesar da sentenza do Tribunal Supremo que avalou a forma na que se outorgaron proxectos recorridos" e, por tanto, engade, "anulando as sucesivas suspensións cautelares a máis de 200MW, pon ao sector en xaque durante un mínimo de dous anos, con todo o que iso leva, un impacto de gran relevancia".

Segundo a Mesa, hai uns 70 proxectos eólicos afectados pola "xudicialización". "Falamos duns 4.200 millóns de euros e máis de 4.000 empregos, ademais de toda a dinamización da contorna nun hábitat especialmente rural", expón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta