A Xunta pide paralizar a estratexia de conservación do corvo mariño moñudo ata que acaben os estudos no Cantábrico

Alerta de que o Estado "corre o risco de repetir o mesmo erro" que co lobo ibérico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/04/2024 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A Xunta demandou ao Goberno que paralice de forma temporal a aprobación da estratexia de conservación do corvo mariño moñudo ata que finalice o proxecto que na actualidade se desenvolve para a súa preservación en Galicia, Asturias e Cantabria. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén del Campo, defendeu esta postura na súa intervención no Consello Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade, reunido na mañá deste venres por videoconferencia.

No encontro, a representante do Goberno autonómico criticou a intención do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de aprobar xa a estratexia para esta especie, segundo recolle un comunicado da Xunta. Para a responsable de Patrimonio Natural, non é "viable nestes momentos" sacar adiante a tramitación deste documento cando aínda non concluíu o proxecto 'Life Intermares' que analiza o estado do corvo mariño moñudo no Cantábrico e as súas ameazas. Del Campo incidiu en que o pasado xoves "aínda" se celebrou un dos talleres que forman parte da iniciativa desenvolvida no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas, que reúne a case a metade das parellas desta ave no Cantábrico.

Por tanto, non ve "lóxico" que saia adiante unha estratexia que "evidentemente non terá en conta" o resultado destes traballos que concluirán a finais deste ano. Galicia alberga o 86% de todas as parellas de corvo mariño moñudo identificadas no cantábrico --1.412 dun total de 1.637-- e é a comunidade do Estado que conta co censo máis actualizado da especie.

Por tanto, reivindicou que sexan tidas en conta as consideracións do Goberno galego para a súa inclusión no documento final, polo que pediu que retire da orde do día da próxima reunión da Comisión estatal de Patrimonio Natural e Biodiversidade o punto relativo á estratexia do corvo mariño moñudo.

Ao seu xuízo, o Estado "corre o risco de repetir o mesmo erro" que co lobo ibérico e a súa inclusión en 2021 na Listaxe de especies de réxime de protección especial (Lesrpe).

Corvo mariño moñudo. MITECO
Corvo mariño moñudo. MITECO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta