Apertura da XII Lexislatura: Santalices apela a "blindar esta cámara, allea á convulsión en institucións homólogas"

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reivindicou a "vía galega" do "sentidiño, a cordura, a política útil que a xente reclama un día tras outro" fronte aos "populismos extremistas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, reivindicou a "vía galega" do "sentidiño, a cordura, a política útil que a xente reclama un día tras outro" fronte aos "populismos extremistas" e apelou a "blindar a traxectoria desta cámara, allea desde hai tempo á convulsión que se rexistra en institucións homólogas".

Proclamouno na apertura solemne da XII Lexislatura, unha sesión que dá por comezado oficialmente este novo período cunha nova maioría absoluta do PPdeG, que con 40 deputados situou a Alfonso Rueda como sexto presidente de Galicia. No seu discurso, tamén reivindicou a lingua galega, convertida no idioma "habitual" da Cámara autonómica, e tivo mención, neste sentido, para a homenaxeada das Letras Galegas deste 2024, Luísa Villalta.

Esta sesión serviu tamén para que os parlamentarios de todos os grupos felicitasen aos integrantes do novo goberno da Xunta e desen a benvida ás novas caras que configurarán o Executivo, que este luns tomou posesión e celebrou a súa primeira reunión ordinaria. Nunha sesión marcada pola renuncia previa da ex conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, ao seu escano, tamén se puido ver ao que era titular de Sanidade situado no escano situado á beira da viceportavoz parlamentaria, Paula Prado.

Apertura solemne da XII Lexislatura, co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, protagonizando o discurso oficial
Apertura solemne da XII Lexislatura, co presidente do Parlamento, Miguel Santalices, protagonizando o discurso oficial | Fonte: Europa Press

CONVIDADOS

Mentres, na tribuna de invitados seguiron a sesión autoridades como a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o rexedor de Lalín, José Crespo; o presidente da deputación de Pontevedra, Luís López; e a expresidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, entre outros. A sesión culminou coa interpretación do Himno de Galicia. 

Para o presidente da Cámara galega, "unha democracia forte require un Parlamento forte, consolidado como o principal escenario político". Así, lembrou que a Galicia do último medio século foi cambiando, e sempre para mellor, con "avances que son froito, en boa parte, da autonomía que os galegos foron capaces de edificar, á vez que a España constitucional, casa común, consolidaba a súa democracia e afianzábase a integración real na Europa comunitaria.

Profundando nesta idea, o presidente do Parlamento lembrou que Galicia "foxe do enfrontamento estéril e reclama solucións --se fose posible dialogadas-- para que os retos que asoman. "Unha Galicia", agregou, "á que todos nos debemos, mesmo por encima da militancia que nos conduciu a estes escanos".

No exercicio da función lexislativa que o Parlamento ten encomendada, o presidente da Cámara animou aos seus integrantes a primar a vertente cualitativa sobre a cuantitativa, a "elaborar boas leis en lugar de producir moitas leis".

PRIMAR O CONTACTO COA XENTE

En referencia ao traballo dos deputados e deputadas, o presidente da Cámara insistiu en que a "reflexión sosegada" e o "contacto coa xente foron e seguen sendo unha fórmula adecauda". Sobre esta cuestión, admitiu que as redes sociais chegaron para quedar, pero apuntou que "ningunha pantalla pode nin debe substituír o contacto coa xente".

SENTIDIÑO FRONTE Á POLARIZACIÓN EXTREMA

A xuízo de Santalices, a conquista de novos dereitos "non pode nin debe cimentarse sobre a polarización extrema" que campa sobre a política actual e que "pecha o camiño a calquera intento de diálogo e de achegamento entre persoas e formacións diverxentes". Por iso, o presidente da Cámara animou aos seus integrantes a buscar a "vía galega, a vía do sentidiño, da cordura e da política útil que a xente reclama un día tras outro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta