Por Galicia Confidencial | Lugo | 11/10/2015 | Actualizada ás 17:00
Centos de persoas participaron este domingo nos actos centrais do Domingo das Mozas, no que Lugo cumpriu de novo coa tradición homenaxeando ao traxe galego e a Rosalía de Castro. Fíxoo da man da Asociación do Traxe Galego, que ofreceu diante da casa consistorial un desfile dunha trintena de traxes, tanto de garda, como de ir á feira e de cotío.
A alcaldesa de Lugo quixo participar desta xornada como unha galega máis e foi vestida co tradicional traxe galego acompañada por membros da Corporación. "Este Domingo de Mozas ten un significado moi especial, por ser o primeiro que vivo coa responsabilidade de ser alcaldesa, pero tamén porque durante 20 anos tiven o orgullo de levar por España e polo mundo adiante o baile tradicional vestindo un destes traxes, símbolo do noso maior valor e potencial: a cultura e a tradición”, dixo Lara Méndez.
Tras o desfile, membros da Corporación, ataviados con vestimenta tradicional, veciños e visitantes trasladáronse ao parque Rosalía de Castro, onde tivo lugar á ofrenda á escritora. "Unha das primeira mulleres que traballou nas ondas, unha virtuosa da palabra e da comunicación que homenaxea a outra gran comunicadora, a escritora galega máis universal, que pon a Galicia no mapa”, dapuntou a alcaldesa de Rosalía.
Por decisión unánime da Corporación foi a xornalista Tonina Gay a encargada de dirixir a homenaxe. Na sua intervención repasou as diferentes achegas que tivo á obra da autora ao longo da súa vida, dende nena e ata 1975, cando “se normalizou o contacto con Rosalía”. A xornalista ofreceu catro flores para poñer en valor que “por primeira vez na historia temos en Lugo unha muller alcaldesa”; a declaración dos camiños de Santiago como Ben Mundial; a Muralla, “rodeada recentemente de tractores”; e a dedicación do Día das Letras do 2016 ao poeta chairego Manuel María.
A Alcaldesa agasallou á Asociación do Traxe Galego co libro Os Caneiros do Miño e unha insignia da Muralla, e a Tonina Gay, co último número da colección San Froilán dos Devanceiros, titulado A orixe das festas modernas e contemporáneas, obra de Adolfo de Abel Vilela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.