A Xunta rexeita pagar a Renfe por manter liñas de tren como a da Gudiña: "O servizo ferroviario é competencia do Goberno"

"Nós xa prestamos un servizo de transportes por estrada e aí é competencia nosa", dixo o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2025 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, rexeitou que a Administración autonómica pague a Renfe por manter liñas que poidan ser deficitarias e subliñou que "o servizo ferroviario é competencia do Goberno" estatal. Preguntado sobre se a Xunta estuda a medida para manter servizos en lugares como A Gudiña, na liña de medidas aprobadas pola Xunta de Estremadura, Diego Calvo sostivo que "só faltaría" e que "son servizos que lle corresponden ao Goberno" e que "ten que facer o Goberno".

"Nós xa prestamos un servizo de transportes por estrada e aí é competencia nosa", dixo Diego Calvo, que sostivo que a Xunta non está de acordo con que non haxa conexións na Gudiña e con que "o primeiro tren da mañá sexa ás 12 da mañá". "Iso non ten ningún sentido", apuntou. O conselleiro de Presidencia considerou que "se é necesario establecer máis frecuencias", Renfe "deberá establecer máis frecuencias". "Igual a solución está en que un tren poida saír de Ourense con dirección a Madrid a unha determinada hora e facer máis paradas que outros trens con outra orixe non teñen que facer", afirmou.

Diego Calvo afirmou que "hai que dar servizo á poboación" e que isto "non se está cumprindo" polas "decisións de Renfe". Ademais, referiuse ás incidencias para soster que "non hai día na semana na que non esteamos ante atrasos continuados e mesmo anulación dalgún tren", manifestou. "Seguimos sen ter información de cando pasan estas cousas. Os viaxeiros, os usuarios, onte moitos galegos que se puñan en contacto connosco mandaban algunha mensaxe desesperados porque Renfe non achegaba ningún tipo de información", denunciou para criticar que nin informe aos usuarios nin á Xunta, que segue sen "interlocutor". Por todo iso, emprazou a Renfe a "tomarse o transporte e a súa función moito máis en serio do que o está a facer".

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en rolda de prensa tras o Consello da Xunta
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, en rolda de prensa tras o Consello da Xunta | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta