Por Galicia Confidencial | Ourense | 23/10/2015 | Actualizada ás 10:22
Sobre o novo volume, o crítico Ramón Nicolás escribiu que "o discurso narrativo que os coautores desta edición, agás ao meu entender algúns capítulos que gustaría ver aumentados, algo que en absoluto embaza o resultado deste traballo, supón un inxente traballo de documentación levado a cabo en diversas institucións e arquivos, galegos e foráneos, como tamén o foi a posterior reordenación deste material que funciona como un alicerce básico para construír con vigor e seriedade un dos periplos culturais e humanos máis salientables e comprometidos co seu país ao longo do século XX".
As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región, ademais de achegas de particulares.
Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que nolo amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre.
Esta obra foi editada pola Fundación Otero Pedrayo, en colaboración coa Editorial Galaxia, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial. Para mercala cómpre escribir a pedidos@galaxia.com .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.