Especies invasoras: a margarida africana, unha fermosa cruz coa que cargan moitas praias galegas

O colectivo ecoloxista Amigas da Terra eliminou o pasado domingo un total de 1.000 quilos desta planta da praia de Patos, en Nigrán, e un dos seus portavoces, Antón Lois, calcula que quedarían outros tantos no bordo dos camiños e aparcamento.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 25/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando falamos de margarida a todos se nos ben á cabeza esa flor pequeniña, con pétalos brancos e estames amarelos que se atopa nos prados verdes da nosa terra. Pero se a cambiamos de cor, a volvemos amarela, e a facemos un pouco máis grande, esa margarida orixinaria convírtese na margarida africana ('Arctotheca'), con quen se adoita confundir, unha especie invasora procedente, como o seu propio nome indica, de África, e que está a colonizar o litoral galego desprazando ás especies autóctonas. Aproveitando a saída da asociación ecoloxista Amigas da Terra a recoller margarida africana na praia de Patos, en Nigrán, dende o Galicia Confidencial falamos con Antón Lois, un dos seus portavoces, para coñecer máis a problemática desta fermosa pero perigosa planta.

Margarida africana espallada pola praia de Patos, en Nigrán
Margarida africana espallada pola praia de Patos, en Nigrán | Fonte: Cedida por Antón Lois

"A margarida africana esparciuse moito por Galicia porque, ademais das sementes que ela mesma solta e que son a súa principal vía de dispersión, tamén acontece unha particularidade con ela: é quen de colonizar os bordos dos camiños porque a xente que vai camiñando por eles pisa algunha das flores, péganselle as sementes á bota e, onde dá o seguinte paso, enterra as sementes e aí pode crecer unha nova planta", explica Lois, que asegura que isto é algo que se pode ver moi ben nas illas Cíes, pois os bordos dos camiños están completamente invadidos por margarida africana, mentres que máis cara o interior da illa xa non é tan común atopala.

Ademais, esta planta semella inofensiva para os ollos de quen a mira, é dicir, para a poboación en xeral, pois "é moi semellante á margarida habitual, aínda que é de cor amarela, non branca, e ten os pétalos algo máis longos, pero si que a simple vista che recorda a unha margarida". Lois apunta que é propia de Sudáfrica, da zona de Cidade do Cabo, e que chegou a Galicia, como moitas outras especies invasoras, "porque é unha planta moi fermosa, atractiva para a xardinaría, dura moito tempo e, á vez, é moi resistente", xa que "todas as plantas que viven no litoral necesariamente teñen que ser resistentes, porque as condicións que teñen que soportar nel de salinidade e falta de auga (pois todo o que chove fíltrase pola area) fai que teñan que selo para poder sobrevivir".

Así, esta planta comezou xerminando en xardíns, pero rapidamente escapou deles e espallouse polo litoral ata que chegou a converterse nunha especie invasora. Como explica o portavoz de Amigas da Terra, "nas zonas do interior de Galicia é máis complicado atopala porque non se adapta moi ben ao frío, así que en zonas altas e de montaña non a hai". Pola contra, "en zonas nas que haxa area, como no litoral e nos bordos dos ríos, aínda que especialmente no litoral, espállase rapidamente", apunta o experto. Esa abundancia tamén se debe, en parte, á pasividade da sociedade, non conscientemente, senón por descoñecemento.

Lois asegura que durante as labores de recollida desta planta en diferentes praias do sur de Galicia "mesmo veu moita xente cando nos vía sacándoa a botarnos a bronca e preguntarnos a ver por que estabamos sacando unha flor tan bonita". E eles sempre respostaban o mesmo: "Efectivamente, é preciosa, pero está onde non debe estar", conscientes de que "a planta non ten culpa, pois como todas as especies invasoras fai o que faría calquera: intentar sobrevivir, sen ser responsables de que as movesen do seu lugar natural de orixe". Ademais, asegura que "cando lle dis á xente que é unha especie invasora que non é propia de Galicia moitos póñeno en dúbida porque che din que lévana vendo toda a vida, porque contan toda a vida como a súa vida, a da súa xeración, cando probablemente os seus avós si visen a chegada desta margarida".

Margarida africana espallada pola praia de Patos, en Nigrán
Margarida africana espallada pola praia de Patos, en Nigrán | Fonte: Cedida por Antón Lois

No caso concreto da praia de Patos, o portavos de Amigas da Terra apunta que xa está desprazando especies autóctonas, especialmente "nas zonas onde hai matogueiras máis compactas, onde a margarida africana non deixa medrar nada máis, así como no bordo dos camiños, concretamente nas baixadas á praia, onde tamén está a desprazar ao resto de vexetación". Precisamente sobre a zona da praia é onde o pasado domingo 19 de maio a asociación ecoloxista emprendeu unha labor de limpeza e 'erradicación' da planta: "Recollemos case mil quilos da planta, aínda que fose mesturada con area nalgúns casos, pois sacamos 50 sacos que tiñan de media entre 15 e 20 quilos cada un e, de feito, tivemos que ir varias veces baleirar os sacos que leváramos porque non tiñamos suficientes".

Agora, tras esas tarefas de limpeza, Lois calcula que "aínda quedaría outro tanto por recoller no bordo do paseo e no aparcamento". E asegura que é agora o momento de proceder a eliminala, porque nesta época do ano a margarida africana "ten as flores xa desenvolvidas pero aínda non empezou a soltar as sementes". "Se agardamos a que comece a soltar as sementes sería peor o remedio que a enfermidade, porque no momento en que tentásemos mover as flores, o que estariamos a facer é dispersar as sementes", explica Lois, que incide en que "o momento de erradicala é cando empeza a florecer pero aínda non están as sementes maduras e, polo tanto, aínda non caen das flores con facilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta