(Vídeo) Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense

O persoal que traballa na área do paritorio, quirófanos, urxencias xineco-obstétricas e planta de obstetricia remitiron un comunicado á dirección do Complexo Hospitalario de Ourense no que denuncian obras que non rematan nunca, suciedade e falta de hixiene no lugar de atención ás pacientes e tamaños reducidos e falta de servizos das habitacións. Dende Sanidade aseguran que están traballando na mellora da unidade.

Por Galicia Confidencial | OURENSE | 22/05/2024 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

O persoal do Hospital Materno Infantil de Ourense que traballa na área do paritorio, nos quirófanos, en urxencias xineco-obstétricas e na planta de obstetricia remitiron un comunicado á dirección do Complexo Hospitalario de Ourense no que manifestan as pésimas condicións nas que están estas zonas e os riscos que supoñen para sanitarios e pacientes. Entre outras cuestións, denuncian obras que non rematan nunca, suciedade e falta de hixiene no lugar de atención ás pacientes e tamaños reducidos e falta de servizos nas habitacións.

Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense
Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense | Fonte: Cedida

"Estas lamentables condicións repercuten negativamente no ánimo do persoal traballador e, o que é máis importante, na calidade da asistencia que se lles proporciona ás mulleres de Ourense, supoñendo un agravio comparativo con outros pacientes dentro do noso propio hospital e con outras áreas de saúde da comunidade", denunciaban no comunicado. En concreto, apuntan a que "as infraestruturas fóronse deteriorando progresivamente ao longo dos anos sen ter un adecuado mantemento" e "as obras dos últimos meses agravaron considerablemente o problema".

Fan referencia a un episodio concreto: o 30 de decembro de 2023, na quenda de mañá, nunha zona de traballo do paritorio na que había pacientes, o teito sufriu un derrube. "Os desperfectos do teito e a existencia de abombamentos fóra notificada previamente por parte do persoal de partos ao servizo de mantemento, sen que ninguén tomase ningunha decisión ao respecto", contan, asegurando que non foi ata mediados de febreiro cando "se nos comunicou que o paritorio tiña graves desperfectos e que podía haber novos derrubes". Clausurando o acceso principal ao paritorio e parte das instalacións comezaron as obras: "Debían durar un mes e a día de hoxe non está rematada nin a primeira fase", lamentan.

Ademais, no mesmo documento, o persoal enumera os problemas de diferentes partes do hospital que "non reúne as condicións mínimas para unha atención digna, de calidade, que protexa a intimidade e que aporte seguridade ás pacientes e aos profesionais". No tocante ao corredor de acceso a urxencias e partos, denuncian que "ten as paredes sucias e desperfectos múltiples, con lixo, contedores, sacos de roupa sucia, padiolas e cadeiras de rodas acumulados á vista, que favorecen unhas condicións totalmente insalubres, mesmo coa aparición de ratas e cascudas". E aseguran que "este mesmo corredor serve de 'sala de espera' para pacientes e acompañantes que acoden a urxencias, para os que agardan por unha cama para o ingreso e para familiares de mulleres no paritorio e de pacientes quirúrxicos".

Sobre a sala de urxencias expoñen que "non reúne as condicións mínimas para unha atención digna nun entorno que respecte a intimidade, tendo en conta as particularidades das pacientes obstétricas e xinecolóxicas". Por exemplo, afirman que "a triaxe, para coñecer o motivo de consulta e a súa prioridade, se se está atendendo a outra paciente no interior da consulta, debe ser realizado pola auxiliar nese corredor compartido, o que atenta directamente á privacidade da paciente". Ademais, aseguran que dentro da consulta non hai espazo, polo que "se chegan outras pacientes mentres se está explorando non queda outro remedio que abrir a porta mentres a muller está espida, en posición xinecolóxica". E afirman tamén que "as conversas na consulta escóitanse dende fóra".

Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense
Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense | Fonte: Cedida

No caso do paritorio contan que "o comezo das actuais obras supuxo o peche de dúas salas de dilatación, unha delas a chamada sala de 'parto natural' que é a única que dispón de baño propio, bañera, ventá e cuna de asistencia neonatal". Así as cousas, e a pesares de que se habilitou unha cuarta sala de dilatación ademais das tres das que se dispón, "os pediatras non permiten atender partos nela porque non dispón de cuna próxima e atópase lonxe da sala de monitorización central", de tal xeito que "a matrona que estea atendendo a unha mulles nesta sala de dilatación non pode escoitar as alarmas dos outros monitores". Por tanto, conclúen que as salas actuais "son claramente insuficientes, téndose dado a situación de ter que atender a dúas mulleres xuntas na mesma sala". Ademais, afirman que "isto obriga a redistribuír o traballo e demorar o comezo de induccións ou cesáreas programadas".

Finalmente, na planta de obstetricia o persoal denuncia que "sofre a mesma falta de mantemento que o resto do materno, con paredes desconchadas, sucias e ventás deterioradas que filtran frío ou calor" e "as habitacións teñen un tamaño claramente insuficiente para convivir 6 persoas (2 recén nados cos seus pais e posibles visitas)", o cal, "sumado á mala climatización e ventilación das mesmas fai a estancia nelas perigosa, pois esta situación pode predispoñer a febres e aumento da patoloxía respiratoria no recén nado e na nai e, por suposto, non contribúe á lactancia materna". 

A XUNTA ASEGURA QUE ESTÁ A TRABALLAR NA MELLORA DA UNIDADE DE PARTOS

Preguntada por este medio, dende a Consellería de Sanidade aseguran que a Xunta "está a traballar na mellora da unidade de partos do Complexo Hospitalario de Ourense". En concreto, apuntan a que "se agarda que a finais deste mes de maio poida entrar en funcionamento a zona afectada polos traballos de reparación nunha zona da unidade, situada no primeiro andar do Hospital Materno Infantil".

Así mesmo, admiten que "este proceso de reparación se estendeu máis do previsto", pero aseguran que foi porque "tamén foi necesario realizar unha actuación para a instalación de gases medicinais, que precisa duns estritos trámites legais, de seguridade, de manipulación e de mantemento para a súa posta en funcionamento con garantías".

Así, afirman que durante o transcurso dos traballos, "a actividade asistencial da área de partos discorreu con normalidade no resto das salas e dos quirófanos da unidade, a pesares das incomodidades propias que estas obras puideron ocasionar, tanto ás pacientes como ao persoal sanitario e non sanitario".

Unha vez que estea operativa a área que agora está en obras, dende Sanidade afirman que "o servizo de mantemento do hospital continuará coas actuacións periódicas programadas, tanto na unidade de partos como no resto das instalacións do materno infantil, para substituír aqueles elementos que sexa necesario e así garantir a comodidade, confortabilidade e seguridade para os usuarios e traballadores".

Ademais, lembran que, no marco do Plan Director do CHUO, "nestes momentos estase acometendo a construción dun novo edificio ambulatorio e de hospitalización de 12 plantas, cuxa execución está avanzada", cun investimento que supón máis de 50 millóns de euros por parte da Xunta e que "albergará as unidades que na actualidade están situadas no Hospital Materno Infantil, dando resposta ás necesidades actuais de hospitalización".

Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense
Condicións insalubres no Hospital Materno Infantil de Ourense | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta