Obxectivos da Xunta este ano: que ardan menos de 18.500 hectáreas nos incendios e que cada lume non arrase máis de 9

O Pladiga recolle que haberá tres avións máis para o alto risco, aínda que cunha ducia menos de traballadores de medios aéreos que en 2023.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 24/05/2024 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

A Xunta márcase o obxectivo de que ardan este ano menos de 18.489 hectáreas, a media do queimado na última década. Con todo, destaca que "sería óptimo" se non se superan as 15.100 hectáreas (ao eliminar o valor máis alto de superficie ardida nestes 10 anos). Así se recolle no plan de loita contra o lume (Pladiga) da actual campaña, ao que tivo acceso Europa Press, pendente da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. Entre outros obxectivos atópase tamén non superar os 314 incendios (refírese aos lumes con superficie queimada de máis 0,5 hectáreas), unha cifra á baixa fronte a anteriores campañas.

O feito é que en 2023 arderon 6.749 hectáreas, o que se traduciu nunha forte caída fronte ás máis de 51.000 hectáreas arrasadas na vaga de incendios de 2022. De tal forma, hai un descenso con estas 18.489 hectáreas fronte á media estatística de 19.792 hectáreas que se establecía de referente para 2023. Igualmente, a Consellería do Medio Rural fixa a meta de que non ardan máis de nove hectáreas de media por incendio. Por outra banda, apúntase ao fin de que non ardan máis de 7.488 hectáreas de superficie arborada.

Nesta liña, os lumes superiores a 25 hectáreas deberanse manter por baixo do 2 % do total, á vez que os dunha hectárea ou menos se prevén que supoñan máis do 70 %. No tocante ás situacións 2, aquelas nas que o lume ameaza casas, quérese conseguir unha diminución das sete activacións que supón a media do último lustro. En 2023, só houbo dúas ocasións, o que contrasta coas 21 que chegou a haber en 2022. Así mesmo, Medio Rural tamén indica neste plan obxectivos específicos como avanzar na tramitación pendente do anteproxecto da lei de loita integral contra os incendios.

MEDIOS AÉREOS PARA O ALTO RISCO

No Pladiga figura que se manteñen para o alto risco ao redor dunha trintena de medios aéreos. Na comparativa da táboa de aeronaves que figuran nos documentos de 2023 e 2024 obsérvanse que os dependentes da Xunta ascenden a 20, dous máis (aumentan en dous os avións de carga en terra) que os 18 do ano anterior. Tamén os do Estado elévanse dun máximo de nove a dez (un avión anfibio máis).

Con todo, obsérvase que haberá unha contratación de 112 persoas para medios aéreos no alto risco, o que supón unha diminución de 12 fronte aos 124 que figuraban en 2023 en medios propios da Xunta (o Estado mantén 59 persoas). Figura unha redución de: seis peóns de brigada, dúas emisoristas, dous peóns condutores de brigadas helitransportadas e dous técnicos de brigada helitransportada.

O total global do persoal que se recolle no Pladiga é de 5.220 persoas para a campaña de verán (entre medios propios da Xunta, Estado e municipios), 129 menos que os 5.349 que se observan no recolleito no plan de 2023. Non entanto, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, xa garantiu que se prevé a intervención dunhas 7.000 persoas en total, como noutros anos, entre as diferentes administracións. O Goberno galego continuará coa renovación do parque de motobombas durante este ano, coa previsión de compra de 12 unidades durante 2024.

A MAIORÍA SON INCENDIOS INTENCIONADOS

Na análise de estatísticas de causalidade e motivacións dos incendios do período 2014-2023 en Galicia, o informe recolle o 74,6 % dos lumes son intencionados, o que se traduce no 65,7 % da superficie afectada. No 6,2 % descoñécese a causa e o resto de motivos están por baixo do 5 % en cada caso, como poden ser neglixencias ou de forma natural.

E é que nos últimos dez anos arderon en Galicia case 185.000 hectáreas. Houbo 17.651 lumes entre 2014 e 2023. Ourense encabeza a superficie arrasada, con 102.235 hectáreas, máis que as outras tres provincias xuntas: Lugo (34.897 hectáreas), Pontevedra (32.762 hectáreas) e A Coruña (15.497 hectáreas).

Vista do incendio desde Sampaio, alén do río, a 27 de xullo de 2022, en Castrelo de Miño
Vista do incendio desde Sampaio, alén do río, a 27 de xullo de 2022, en Castrelo de Miño | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta