A solicitude de praza nas escolas oficiais de idiomas estará aberta entre o 24 de xuño e o 5 de xullo

Tal e como publica este xoves o Diario Oficial de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2024 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Xunta abrirá o 24 de xuño o prazo para solicitar praza nas escolas oficiais de idiomas para o próximo curso 2024-25, tal e como publica este xoves o Diario Oficial de Galicia, nunha orde que regula a preinscrición, admisión, matrícula e organización académica deste ensino de réxime especial.

Actualmente, a Consellería de Educación conta con 11 escolas oficiais de idiomas cun total de 28.500 alumnos matriculados. Todos eles teñen acceso a 11 idiomas diferentes: alemán, árabe, chinés, francés, inglés, italiano, portugués, ruso, xaponés, español para estranxeiros e galego.

Para acceder a esta formación é necesario ter 16 anos cumpridos no ano natural en que se comecen os estudos, aínda que aquelas persoas que teñan cumpridos os 14 anos poderán seguir os ensinos dun idioma distinto do cursado na Educación Secundaria Obrigatoria como primeira lingua estranxeira. No caso dos alumnos de novo ingreso para o nivel básico A1 de calquera dos idiomas impartidos na EOI, deberán realizar unha preinscrición en liña entre o 24 de xuño e o 5 de xullo.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude con tres preferencias priorizadas de grupos nun máximo de dous idiomas. A adxudicación de prazas realizarase nun acto público o día 8 de xullo ás 9,00 horas na Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía de Arousa. O alumnado de nova incorporación que obteña praza neste sorteo de preinscrición deberá matricularse entre o 9 e o 19 de xullo.

CONTINUIDADE DE ESTUDOS

No caso do alumnado matriculado no actual curso 2023-24, e que desexe continuar estudos no curso 2024-25 no mesmo idioma e escola, deberá formalizar a matrícula entre o 18 e o 28 de xuño en convocatoria común.

A convocatoria extraordinaria de matrícula (para os que non resultaron aptos ou non se presentaron na común) irá do 28 de xuño ao 5 de xullo.Tanto para alumnos de novo ingreso como de continuidade, a matrícula tense que formalizar obrigatoriamente en liña.

No entanto, unha vez que termine o proceso de matrícula e ata o día 20 de setembro, no caso de quedar prazas vacantes, cada escola poderá cubrilas coas listaxes de espera, en caso de habelas, ou atendendo as peticións que alumnado de novo acceso que non realice o proceso de preinscrición. As escolas non poderán facer pública ningunha oferta de prazas vacantes mentres existan listas de espera.

Escola Oficial de Idiomas de Santiago
Escola Oficial de Idiomas de Santiago | Fonte: EOI Santiago

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta