Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2024 | Actualizada ás 18:08
A Xunta presentará o vindeiro luns 1 de xullo o plan director da automoción ante a mesa do diálogo social do sector, onde están representados os axentes desta industria. Así o avanzou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na súa resposta a unha interpelación parlamentaria formulada polo deputado do BNG Brais Ruanova durante o pleno do Parlamento galego celebrado este mércores.
Alí, a máxima responsable da área económica no Executivo galego sinalou que tamén "nos próximos días" o Consello da Xunta aprobará a anunciada liña de apoios de 18 millóns de euros para mellorar a competitividade da industria auxiliar da automoción. Segundo explicou Lorenzana, estas subvencións están enfocadas á compra de equipamentos ou investimentos en proxectos e poderán alcanzar de 300.000 a 700.000 euros a fondo perdido.
Antes, o deputado nacionalista acusara ao Goberno galego de estar "ausente" ante a "perda de emprego de calidade" no sector da automoción galega e de carecer dun plan contra a deslocalización, unha problemática que "xa non" vai de "que unha fábrica se mova dun país a outro", senón que consiste no traslado de "moito servizos" como pedidos, "coñecemento" e investimentos. Por iso, Ruanova instou á Xunta a abandonar a súa "política de anuncios que sempre chegan tarde" porque a actitude de "brazos caídos xa non serve" ante un escenario de "grandes" cambios no sector que require de "grandes políticas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.