Editorial La Capital: traballadores votan sobre folga indefinida e a dirección promete non máis despidos

O longo conflito laboral pola complicadísima situación do Grupo La Capital entra nunha nova etapa. Os traballadores planean un paro sen límite no tempo, que xa está aprobado pola Asemblea do Diario de Arousa, e a empresa promete, en declaracións a GC, que non haberá máis despedimentos nesta e noutras cabeceiras.

Por Manuel Vilas | A Coruña | 23/11/2015 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un grupo de asalariados do Diario de Arousa informan que “Editorial La Capital procedeu hai uns días ao despedimento de dous traballadores dos departamentos de Administración e Fotografía”. Unha medida que reduce aínda máis a capacidade dun cadro de persoal que ven de soportar dous EREs consecutivos, coa súa correspondente perda de paro.

O grupo chegou a ter case 150 empregados. Agora, segundo fontes da dirección consultadas por GC, anda aproximadamente nos 116.

Os sucesivos EREs e despedimentos producíronse nun grupo con importantes débedas. Agora mesmo os traballadores -segundo recoñece a propia empresa- teñen sen cobrar dúas mensualidades.

En conversación con Galicia Confidencial (GC), a dirección promete que os atrasos se solventarán a partir de febreiro, cando din finaliza o pagamento das indemnizacións e outros gastos derivados da restructuración actual, e que non haberá máis despedimentos en Diario de Arousa e outras cabeceiras.

Unha promesa que non convence a todos os traballadores. O Diario de Arousa xa votou ir a folga unha folga indefinida a partir do xoves 26 de novembro. As outras cabeceiras (El Ideal, DxT, Diario de Ferrol e Diario de Bergantiños) votarán esta semana. Na Coruña a asemblea será esta tarde. Non é a primeira vez que os traballadores de Editorial La Capital van a folga, secundada masivamente noutras ocasións, aínda que as veces a dirección logrou sacar edicións reducidas.

Para fontes do Diario de Arousa, os novos despedimentos indican que  as intencións de Editorial La Capital son as de desmantelar Diario de Arousa e deixar ás comarcas de O Salnés, O Barbanza e Ulla-Umia sen unha cabeceira propia. “O que sería un ataque directo á pluralidade informativa e tería pésimas consecuencias non só para os traballos deste medio, senón para o conxunto da sociedade e dos seus representantes, que verían como se apaga a súa voz”, engaden.

Nun comunicado público piden o apoio da sociedade arousá para que acuda á concentración que vai ter lugar o venres 27 ás 20:30 na Praza de Galicia de Vilagarcía.

Consultada por GC a dirección do grupo editorial sobre as mobilizacións e os despedimentos, a empresa admite que “sempre son duros os despedimentos e especialmente elixir de quen prescindir” e recoñece o “dereito absoluto” dos traballadores a mobilizarse. Con todo, lánzase unha mensaxe de optimismo sobre a complicada situación financeira do grupo, arguméntase que os despedimentos eran necesarios para lograr o equilibrio de gastos e ingresos e sobre todo reitérase a promesa, comunicada ao cadro de persoal, de que non haberá novas baixas.

A situación de La Capital é delicada dende hai moito tempo. O Grupo que controla o empresario arxentino-galego Florencio Aldrey rematou 2013 admitindo nas súas unhas débedas de 302.000 euros cos seus asalariados e 816.000 cos seus provedores. Daquela ás administracións públicas debíalles a finais de ano máis de 535.000 euros, incluídos 210.000 á Seguridade Social. Así é todo, está manténdose a frote, entre outros factores, grazas ao sacrificio do seu cadro de persoal ao financiamento dos seus acredores bancarios e societarios, como Abanca e Comar.

Traballadores e traballadoras do Diario de Ferrol concéntranse diante do SMAC
Traballadores e traballadoras do Diario de Ferrol concéntranse diante do SMAC | Fonte: CIG

Os traballadores de El Ideal e DxT protestan diante dos xornais durante unha xornada de folga
Os traballadores de El Ideal e DxT protestan diante dos xornais durante unha xornada de folga | Fonte: @caf_is_online
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta