Así recolocaron á curmá de Feijóo na Xunta: pola "porta de atrás" e cun procedemento "chafalleiro"

Utilizaron un proceso "a dedo", que foi a "comidiña" nos faladoiros da Xunta nos últios días. Rueda, molesto coas formas elixidas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/09/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

"Chafalleiro", pola "porta de atrás" e "absolutamente mal feito". O nomeamento de Eloína Núñez, a curmá do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, como nova subdirectora xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitariacomo da Consellería de Política Social, está dando moito que falar. Tanto que ata foi a "comidiña" entre os funcionarios da Xunta nos últimos días e mesmo incomodou ao presidente galego, Alfonso Rueda.

Eloína Feijóo
Eloína Feijóo | Fonte: EFE-Lavandeira

 

"Utilizaron un procedemento a dedo para o seu nomeamento", apunta Fernando García, membro da Dirección Nacional de CIG-Autonómica en declaracións a Galicia Confidencial. O normal é utilizar un concurso de traslados ou por libre designación que son procedementos ordinarios para todos os funcionarios. Pero, neste caso, utilizouse a comisión de servizos.

 

"Utilizaron un procedemento chafalleiro e absolutamente mal feito. Tiveron un erro de cálculo porque pensaban que non se ía saber e foi a comidiña na Xunta nos últimos días", asegura García.  Cando se soubo que Eloína Núñez pasou a desempeñar o posto de subdirectora xeral houbo quen pensou que o seu nomeamento se publicaría no DOG, como publicaron algúns medios.

Eloína Núñez, ex xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, na campaña dá vacinación contra a gripe.. XERENCIA SANITARIA DE SANTIAGO
Eloína Núñez, ex xerente da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, na campaña dá vacinación contra a gripe.. XERENCIA SANITARIA DE SANTIAGO

 

Pero isto implicaría darlle publicidade ao proceso, a concorrencia de máis persoas funcionarias e que cando se resolvera saíra á luz que a curmá de Feijóo era a agraciada. 

Por iso decidiron colocala pola "porta de atrás". Convocaron o posto en comisión de servizos o día 12 de xullo e o día 14 de agosto concedéronlla. Non se sabe contra quen competiu nin os méritos dos seus contrincantes.

 

Ademais, o posto estaba aberto a calquera tipo de funcionario A15 da administración estatal, local, da Xunta ou do Sergas. Eloína Núñez é funcionaria do Sergas, que é un ente autónomo e non integrado na Xunta. Normalmente, este tipo de postos son para persoal funcionario A1 da Xunta que esixe ter unha licenciatura.

 

"OBRIGADOS A PAGAR FAVORES"

 

"Esta chafallada e falta de transparencia, onde ademais se nos nega poder coñecer quen e cantas persoas optaron a esa comisión de servizos e os criterios polo que seleccionaron a Eloína e non a outra persoa funcionaria, denota o nerviosismo da Xunta do PP: obrigados a pagar favores, a colocar a amiguetes, pero ao tempo tendo que facelo de xeito discreto e sen testemuñas, como se de cometer un delito se tratase", denuncian desde a CIG.

 

Fernando García apunta que o método elexido na súa elección roza o fraude de lei, porque é un instrumento destinado á cobertura dos postos de xeito excepcional. Non poden alegar tampouco motivos de urxencia, porque dende que se ofreceu en comisión de servizos o 12 de xullo ata que lla concederon o 14 de agosto pasou máis dun mes. "Para evitar iso dende a Xunta deberon pensar que canto menos público fora o asunto mellor, dado o historial de nepotismo de Feijoo, e tamén porque a xestión de Eloína Núñez ten mácula", din desde a CIG.

 

"É unha chafallada maíuscula porque non había necesidade de xerar un novo escándalo cando vai cobrar 60.000 euros, iso sen contar coa mochila que tiña no Sergas. Non é un posto relevante. Non está nunha fundación na que podería cobrar 150.000", indica García que está convencido de que este nomeamento non foi supervisado "desde arriba".

 

RUEDA, MOLESTO

 

De feito, e segundo fontes consultadas por GC, a Rueda non lle gustaron as formas para o nomeamento da curmá de Feijóo, aínda que foi informado da súa designación. As fontes consultadas apuntan que está en Política Social, cuxa conselleira era un das persoas de confianza do antigo presidente da Xunta e curmá da elixida, Alberto Núñez Feijóo.

 

Tras ser preguntado por este nomeamento, Rueda non ocultou o seu malestar e limitouse a lembrar que é un posto ao que pode acceder o "persoal funcionario, como é a súa condición". "No caso desta persoa e de calquera outra, todo o mundo ten dereito a optar aos postos". De feito, o presidente galego confimou que había "outros candidatos posibles", aínda que asegurou que Eloína Núñez "cumpría os requisitos e ten os méritos para esta designación".

 

"A Rueda metéronlle un gol. Estes cousas sempre se acaban sabendo. É unha auténtica chafallada porque o podían facer doutro xeito e escolleron o peor. O que provocaron é que se falara disto por todo San Caetano", indica Fernando García.

 

A CIG-Autonómica xa pediu o cesamento de Eloína Núñez ao considerar que "non pode protexer aos maiores unha persoa que non permitiu que os anciáns fosen tratados en hospitais públicos". "Unha persoa que humilla aos maiores nos tratamentos médicos, agora non pode atendelos", reivindicou.

 

CESADA EN MAIO

 

Eloína Núñez levaba moitos anos con postos de alta responsabilidade na sanidade galega, case todos eles, no goberno do seu curmán, primeiro dirixendo a área sanitaria de Ourense e logo, a de Santiago e Barbanza tras chegar a principios do 2017 cando o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña fixo cambios en catro do sete xerencias. En maio do pasado ano foi cesada do seu posto ata que foi nomeada en agosto para o seu novo posto en Política Social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Cidadan77

Non sei se a merece ou non, pero usaron o mesmo sistema que con todo o mundo: unha comisión de servizos.