Un campo para Mari Paz

O renovado campo municipal de fútbol de Bamio levará a partir de agora o nome da arousana Mari Paz Vilas, pichichi do Valencia e internacional con España. “Que leve o nome dunha muller é un gran paso pola igualdade”, di a futbolista.

Por gcdeportes | Vilagarcía | 30/01/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“O Goberno local decidimos que o novo campo municipal de fútbol de Bamio leve o nome da futbolista Mari Paz Vilas. Meréceo”, anunciou Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía de Arousa. “Ningún futbolista o vai levar con máis orgullo ca min”, respostou a futbolista galega.

Mari Paz Vilas celebra un gol co Valencia.
Mari Paz Vilas celebra un gol co Valencia. | Fonte: valenciacf.com

O campo onde comezou todo, onde de nena deu as primeiras patadas ao balón a xogadora galega, agora pichichi do Valencia (suma 11 goles esta tempada) e internacional con España, levará o nome de Mari Paz Vilas como merecido homenaxe a súa espectacular traxectoria. Antes da decisión, o alcalde chamou a Mari Paz Vilas, honrada coa idea, pois ademáis o presidente do club é o seu tío, José Luis Vilas. “Que leve o nome dunha muller é un paso moi grande pola igualdade”, destacou a xogadora na Radio Galega. Para o concello arousán, é un xeito de dar visibilidade e recoñecemento ao deporte feminino, dentro da campaña "Muller tiñas que ser".

Non poderá ser ata o verán que lle se dea ‘oficialidade’ á decisión, ata que remate a tempada e Mari Paz Vilas poida voltar a Bamio para o acto oficial. A arousana, mancada no último adestramento antes do parón de Nadal, podería reaparecer hoxe co seu equipo no derbi valenciano: Levante – VCF Feminino, a 15ª xornada e última da primeira volta. A futbolista de Bamio, de 27 anos, marchou de Galicia tras xogar no Atlético Arousana de 2002 a 2006, e chegou o VCF feminino no verán do 2013 tralo seu paso polo Espanyol, Barcelona e Levante.

Mentres, o club local estreará esta fin de semana o renovado campo de céspede artificial, que tamén servirá para que Os Ingleses xoguen ao rugby.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta