Por M.V. | Vigo | 06/02/2016 | Actualizada ás 08:00
As forzas que colaboran en En Marea están a traballar nun regulamento de participación nesta coalición. Así o asegura o Encontro Cidadán por unha Marea Galega, a plataforma cidadá que foi un dos axentes impulsores da coalición que logrou seis deputados no Congreso, e que agora traballa na súa reedición para as eleccións galegas deste ano.
O Encontro, no seu último informe, recoñece que tivo “pouco éxito na fórmula de elección dos candidatos”. Esta plataforma defendeu que os elixíbeis se escollesen mediante primarias abertas con posibilidade de presentarse a título individual, sen avais ou con avais mínimos.
Os partidos que conformaron a coalición (Anova, EU e Podemos) non aceptaron e repartíronse entre eles os primeiros postos das listas, salvo en Ourense, onde o deputado logrado foi unha gran sorpresa. Para evitar as tensións internas que isto provocou na coalición, En Marea, segundo o Encontro, publicará un regulamento que agora “en fase de borrador pero espérase que sexa adoptado polas distintas formacións”.
De cara a posíbel repetición dunha lista común para as eleccións autonómicas hai xa dous polos de traballo. Por unha banda, o citado Encontro -que mantixo a súa última xuntanza o pasado sábado en Vigo- e, por outra, as reunións que as mareas municipalistas -outro dos axentes que non lograron protagonismo en En Marea- están a organizar pola súa banda. Polo de agora levan dúas reunión municipalistas, a primeira na Estrada e a última a fin de semana pasada na Pobra.
Ante a coincidencia de datas e obxectivos, no informe do Encontro déixase constancia dalgúns problemas de coordinación das axendas coas mareas ao sinalar que “unha das cousas que máis preocupaba aos presentes era a falta de unión coa fórmula practicada pola Marea Atlántica”. Malia temer a “dispersión de esforzos” o Encontro promete “facer de xeito colectivo todo o posible por achegarse ao proceso da Estrada”.
O obxectivo último de todos este movementos debe ser, en opinión do Encontro, artellar “un espazo de adscrición individual”. É dicir, unha organización na que os activistas colaboren en nome propio e non en representación de partidos ou candidaturas locais. Trátase dunha postura rupturista, pois implicaría o artellamento da candidatura para as galegas de xeito totalmente diferente ao do que xurdiu En Marea. Está por ver como reciben este chamamento á militancia indivudal as forzas políticas e as mareas xa organizadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.