Por Ángela Precedo | OURENSE | 30/11/2024 | Actualizada ás 15:34
Lémbraste daqueles xigantescos Scalextric cos que lle ocupabas medio salón aos teus pais? E daquela Mariquita Pérez para a que cada Nadal pedías aos avós novos complementos? Recordas como te sentiches cando por fin conseguiches que che agasallasen con esa enorme casa de bonecas que tanto desexabas? E cando xogabas con aquel futbolín de dedos na casa dos teus curmáns? Pensa na sorte que tiveches de vivir unha infancia así, chea de ledicia, de xoguetes, de relacións cara a cara con outros nenos... Isto é algo que xa practicamente desapareceu a día de hoxe, con pequenos cada vez máis sumidos nas pantallas e pechados nas súas habitacións cos ordenadores, consolas e móbiles, falando cos seus iguais por WhatsApp ou Discord. Poida que foses dos últimos que tivesen a oportunidade de vivir a época dourada dos xoguetes e, dende o Galicia Confidencial, queremos devolverche a aqueles tempos.
Para iso, visitamos o Museo Galego do Xoguete, ubicado no Concello de Allariz e instalado no que antigamente foi o pazo do Xulgado, unha construción de finais do século XVII. Nun pequeniño espazo poderás atopar moitas coleccións de xogos e xoguetes de todos os tempos, doados na súa maioría polo veciño da vila Alberto Oro Claro, profesor da Universidade da Coruña (UDC) e escultor que, durante anos, foi quen de buscar, mercar e conservar máis de 600 pezas. O museo como tal foi creado en 1995 polo Concello de Allariz e, dende entón, moitas persoas seguiron a doar xoguetes, chegando na actualidade a contar cun fondo museístico de preto de 1.500 pezas representativas dos xoguetes máis famosos (e non tan famosos) do século XX.
Dende o ano 2013 o museu viviu unha fonda remodelación para continuar a ser un espazo no cal os maiores poden lembrar o seu pasado e os nenos e nenas, descubriren a que xogaban os seus pais e avós, poñendo en evidencia as notables diferenzas que hai respecto da actualidade, nunha colección que, a día de hoxe, vai dende 1910 a 1978 (con algunha que outra peza máis moderna). A colección conta cunha parte importante de xoguetes 'masculinos' e de xoguetes bélicos, destacando tamén xogos de mesa e proxeccións de cine, aínda que nos últimos tempos se incorporaron moitos máis xoguetes asimilados naqueles tempos ás nenas. A finalidade é recoller todo o significado e o valor dos xogos e dos xoguetes de todos os tempos. Ademais, todas as coleccións van acompañadas da súa correspondente explicación. Hoxe amosámosche algunhas delas.
CASAS DE BONECAS
As casas de bonecas, os mobles e as propias bonecas conformaron durante séculos o mundo infantil das mulleres que aprendían mediante estes xogos a seren o que delas se esperaban, nais e esposas. A partir dos anos 60 xorden xoguetes e bonecas que deixan ver a loita das mulleres por ocupar novos espazos dentro da sociedade. A primeira casa de bonecas foi fabricada en Alemaña no século XVI e, dende entón, sempre se asociaron ás clases máis acomodadas, aínda que tamén houbo nenas con sorte que puideron desfrutar delas grazas á habilidade dalgún familiar de fabricalas para elas, cos seus mobles incluídos. As primeiras bonecas manufacturadas son do século XVII e estaban fabricadas en Inglaterra.
A finais do XIX chega a Época de Ouro das bonecas de porcelana coas que se conseguiu unha maior perfección nunca antes acordada. As bonecas francesas destacaban pola calidade extrema das súas porcelanas e os detalles dos seus vestidos. Ata comezos da Primeira Guerra Mundial, algúns modistas levábanas mesmo como manequíns, para mostraren as súas creacións perante as damas da alta sociedade. As primeiras bonecas fabricadas en territorio español foron obra de Ramón Mina, un artesán oleiro de Onil, en Alacante, que no 1878 tivo a idea de fabricar bonecas de barro e rexistrou a patente do seu invento 'verniz especial para bonecas'. Máis tarde o corpo foi substituído por unha mestura case comestible de fariña, millo e avea á que se lle engadían cachos de papel e cartón. De aquí pasouse ao cartón prensado e del, ao plástico no 1950.
O TREN
Os primeiros trens foron concebidos como instrumentos de promoción dos primeiros ferrocarrís, non coma xoguetes, e funcionaban a vapor ou con corda. Os trens eléctricos son de 1897, fabricados pola empresa Carlisle & Finch nos Estados Unidos, pero non se popularizaron ata que se fixo común o uso da electricidade nos fogares a comezos do século XX. En 1891 Märklin, unha empresa alemá especializada en accesorios para casas de bonecas, revolucionou o mundo dos trens de xoguete ao introducir os camiños de ferro, pois ata daquela circulaban directamente sobre o chan.
Paya Hermanos, xogueteiros de Ibi, Alicante, fabricaron o primeiro tren español de xoguete en 1909 e tratábase dun tren de arrastre. O primeiro tren eléctrico fabricado en España é de 1930 e lanzouno esta mesma compañía. Durante a década dos 50 do século XX púxose a énfase no realismo e os trens convertéronse nun dos xoguetes estrela. Ata que coches e avións se xeralizaron como medio de transporte e o seu éxito comezou a recuar, quedando reducido ao coleccionismo.
OS AUTOMÓBILES E OS AVIÓNS
Os modelos en miniatura de automóbiles apareceron por primeira vez xusto no momento en que se comezaron a fabricar automóbiles, primeiro en Europa e logo nos Estados Unidos. Orixinalmente tratábase de simples copias caseiras talladas en madeira, máis tarde foron feitas de chumbo ou ferro. O estaño prensado tornouse popular porque é doado pintalo, pero este á súa vez foi substituído polo aceiro presado recuberto de estaño; a folla de lata, que permitiu un extraordinario detalle, incluíndo a dirección funcional, portas que se abren, asentos e ata condutores. Coa chegada do plástico na década de 1950, pasaron a ser deste material máis barato, fácil de facer e máis realista.
No 390 a.C. en Grecia o filósofo, matemático e astrónomo Arquitas, construíu un modelo de avión ao cal chamou 'a pomba', con forma de paxaro e alimentado por vapor, que chegou mesmo a voar 200 metros. Con todo, foi o voo en solitario de Charles Lindbergh a través do Atlántico dente América a París en 1927 o que dispararía a imaxinación do público e provocaría que moitos fabricantes de xoguete se interesaran por el.
AS MOTOCICLETAS E OS BARCOS
O éxito das motocicletas na rúa animou aos fabricantes de xoguetes de folla de lata a sacar distintos modelos que hoxe nos resultan máis atractivos que os coches, polo feito de que sempre incluían aos motoristas e, en ocasións, aos acompañantes. A produción iniciouse en Alemaña en 1910, pero distintos fabricantes españois realizaron modelos moi coloristas. A moto construíase con dúas láminas de folla de lata pintada a man e posteriormente litografiada, que incluía todos os detalles da maquinaria e a vestimenta do piloto.
Os fabricantes de xoguetes deseñaron dende moi cedo barcos pequenos para o baño ou barcos máis grandes para os estanques, estes últimos dotados con mecanismos. Aínda que nunca chegou a ser o xoguete máis popular, é un dos que máis ten variado en función da época que se vivía, xa fosen guerras ou grandes viaxes trasatlánticas, ata as competicións deportivas.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Museo Galego do Xoguete, en Allariz | Fonte: Xunta¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Anxo Lorenzo: "Hai un sector importante, dos menores de 10 a 6 anos, que consumen libro en galego"
- (Vídeo) A cantante galega 'hydn' protesta contra Altri adaptando un tema do novo disco do portorriqueño Bad Bunny
- A historia de amor entre Albert Camus e María Casares, na nova novela de Susana Fortes
- Morre unha das iconas do Festival de Cans, a 'señora Alicia'
- Homenaxe a Alfredo Brañas, "un servidor de Galicia"
- Guía para gozar do 'Ano Castelao'