Temas: ERE

Aumentan nun 14% os despedidos por ERE o pasado ano

Un total de 858 persoas foron botadas do traballo o pasado ano por Expedientes de Regulación de Emprego do total de 371 procesos deste tipo que houbo en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/02/2016 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, teñen dito en varias ocasións que o 2015 foi o ano do inicio da recuperación económica. Unha suposta recuperación económica que, sen embargo, non se albisca nos datos do paro, que sigue aumentando, nin tampouco nos dos ERE.

Traballador autónomo
Traballador autónomo | Fonte: serautonomo.com

E é que en Galicia aumentou un 14 % o número de persoas despedidas por Expedientes de Regulación de Emprego o pasado ano. Un modelo que se utiliza, segundo CC.OO., como un "instrumento de axuste de persoal puro e duro". Por este procedemento perderon o emprego un total de 858 traballadores, un cento máis que no ano anterior, cando foran despedidas deste xeito 754 persoas.

Segundo a Secretaría de Emprego de CCOO de Galicia, entre xaneiro e decembro de 2015 comunicáronse á autoridade laboral galega 371 expedientes de regulación de emprego (ERE) que afectaron a 5.494 persoas. O número de traballadoresatinxidas por ERE baixa un 46,71 % con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Nos doce meses de 2015 suspendéuselles a relación laboral ao 70,37 % das persoas afectadas por ERE. Os datos revelan que o ERE de extinción está gañando peso: no ano 2014 abrangue o 6,41% do total de persoas afectadas e no ano 2015 a porcentaxe sobe ata o 13,69%."«De aplicar o ERE como unha medida para adecuar o persoal a unha situación conxuntural, pasouse a utilizalo como instrumento de axuste de persoal puro e duro", sinala Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO. A sindicalista apoia as súas afirmacións no dato da baixada dos ERE e das persoas afectadas por eles, ao tempo que medra o número de persoas despedidas.

A industria xunta o maior número de traballadores afectados, con 3.176 ata decembro de 2015 (o 50,68% do total). Cabe destacar que, aínda que baixou o número de persoas afectadas por ERE, no sector da pesca na provincia da Coruña aumentaron nun 230,22% debido ao conflito do sector, que amarrou os seus barcos durante tres meses.

Temas: ERE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta