Podemos... ou non

Podería parecer que o problema de Podemos en Galicia é a mala xestión pero a realidade é que é a falta de xestión, a inactividade, o deixar que pase o tempo e que todo se arranxe só... o que comeza a chamarse facer un Rajoy.

Por Manel Pardo | Ames | 11/02/2016

Comparte esta noticia

Hai un ano, tras unha reunión de Podemos Ames, tiven que decidir entre presentar unha denuncia na Garda Civil por insultos e ameazas ("hijo de puta te voy arrancar la cabeza" entre outras lindezas, por se hai algún morboso) ou presentar a queixa ante a Comisión de Garantías. Isto sucedía pola miña insistencia en querer que se publicasen as actas das asembleas na web, que se corrixisen as que estaban mal, se seguiran as indicacións de Podemos de apoiar ás mareas municipais, que os cargos non se presentasen como candidatos si se decidía presentar unha agrupación de electores e, en definitiva, que se atendese ao espírito de Podemos. Decidín, cunhas municipais ás portas, non xerar polémica externa cunha denuncia civil e presentei a primeira de varias queixas ante a Comisión de Garantías sen que, ata o día de hoxe, ningunha delas fose contestada.

Conto o que é unha situación persoal porque distintas conversacións lévanme a pensar que iso sucedeu en moitos sitios de Galicia. Certos personaxes radicais aproveitáronse dunha formación pensando en conquistar o ceo... pero á súa maneira.

Na última reunión comarcal á que asistín, con Breogán presente, expliquei quen era e que me presentara ás municipais na lista de Ames Novo (Ames Novo é unha marea á que non se lle pide o carné a ninguén polo que alí traballamos xente que participa tamén noutras formacións). Unha das asistentes criticou que se permitise que en Podemos participen persoas que traballan tamén noutras formacións pero o curioso é como terminou a súa intervención "coidado que non todos somos iguais"; é o que pensan moitos deses personaxes que se fixeron con Podemos Galicia, pódese abrir un debate sobre si se pode ou non participar en Podemos e outras formacións pero o que non se pode é pensar que somos mellores que ninguén, seremos o que os afiliados a Podemos queiramos ser.

Breogan deixou que as cousas sucederan e non viu, ou non quixo ver, que o seu redor os resentidos, os radicais, os vingativos, tomaron o control da formación. Son os mesmos que xeran ese "Mar de fondo" que quere presentarse en solitario ás eleccións sen entender que as matemáticas da actual lei electoral obrigan á unidade, que llo pregunten a Esquerda Unida. Ames Novo sacou nas últimas municipais 4 concelleiros, a formación creada coa conivencia de Breogan, Contigo Pódese, sacou 3; si se realizara unha única agrupación de electores acadaríanse os 8 ou 9 concelleiros e agora non terían que explicar porque gobernan co Psoe cando a orde de Madrid era apoiar pero non entrar no goberno, non terían porque explicar porque mentres critican ao nacionalismo gobernan co BNG, non terían que explicar porque se critican aos que levan toda a súa vida en política e o Primeiro Tenente de alcalde do Psoe nunca traballou noutros sitio que non fose o partido.

É un caso que exemplifica o que lle sucede a Podemos Galicia, incoherencias, incumprimentos do código ético, mirar para outro lado nas denuncias e se alguén se queixa apartalo. Non o ten fácil o que queira solucionalo pero ten algo que lle pode axudar, esas denuncias esquecidas nun caixón trazan un mapa perfecto dos problemas do partido e dos lugares onde están, só hai que querer solucionalos.

Non hai que dramatizar, Podemos é algo de nova creación como o é Ciudadanos. A diferenza está en que mentres a dereita arranxa os seus problemas internos sen debate, cunha orde que sempre é máis rápido, unha formación asemblearia arríscase a que sucedan este tipo de cousas. Se o Podemos Galicia que naza desta crise aprende dos erros hai unha posibilidade de avanzar, estamos un momento no que hai que sumar e En Marea debe de ser un lugar de dialogo no que entren todos pero todos deben de ter claro esa necesidade de sumar.   

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA