Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2024 | Actualizada ás 19:37
Os sindicatos que conforman a mesa sectorial do Servizo Galego de Saúde (Sergas) convocaron este xoves concentracións nas entradas dos centros de saúde de todo o país para denunciar a vulneración, por parte da Consellería de Sanidade, do acordo de redución de xornada asinado o 30 de abril de 2023.
Nun comunicado, a CIG trasladou que, segundo denuncian, o Sergas emitiu, de forma unilateral, unhas instrucións para aplicar este acordo no ano 2025, que empeoran o asinado coas organizacións sindicais, xa que recolle a obrigación de realizar xornada os sábados pola mañá para determinadas categorías profesionais.
Isto significa, apunta a CIG, que algunhas categorías profesionais non teñen dereito efectivo a ter unha xornada de 35 horas. O que si recoñece a instrución é un incremento retributivo pola realización destes sábados.
As organizacións sindicais presentes na mesa sectorial, a CIG-Saúde, CSIF, CCOO E UGT defenden que as carteleiras de traballo do persoal con quenda con quenda fixa de mañá ou tarde teñen que conter 35 horas, sen sábado.
ELIMINACIÓN DOS SÁBADOS
Na pasada Mesa Sectorial as Organizacións Sindicais esixiron a eliminación dos sábados das carteleiras, e que se crease un sistema regulado e transparente de voluntariedad para a súa cobertura, de aplicación similar en todas as áreas sanitarias.
A CIG sinalou que hai varias partes do acordo que quedaban para unha posterior negociación, que nunca se chegou a dar e que o Sergas segue obviando. Ademais, denuncia que, a día de hoxe, só teñen unha "declaración de intencións" de matizar as instrucións e de que no primeiro trimestre de 2025 negociarase un sistema de voluntariedade, tendo a primeira reunión o 14 de xaneiro.
O sindicato nacionalista esixe que se identifique a actividade que se realiza nos distintos ámbitos, tanto de atención primaria como de hospitalaria, que colectivos teñen que realizar e que se regule xa un sistema de voluntariedad para que a xornada de 35 horas sexa unha realidade para todas e todos.
Para a CIG-Saúde isto é insuficiente e dilata o problema no tempo, polo que continuarán ata que o Sergas respecte o acordado o 20 de abril de 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.