Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 14:43
Galicia afronta unhas datas do Nadal con boas temperaturas, segundo a previsión da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET). Será despois de que nesta xornada entre unha fronte débil, máis activo a partir do mediodía do mércores para afianzarse logo un anticiclón. Así o expuxo, en rolda de prensa, o delegado da AEMET en Galicia, Francisco Infante, quen precisou que, de acordo coas previsións que se manexan, afiánzase "o anticiclón" para rexistrar das xornadas do luns ao xoves "nada de vento, temperaturas por enriba dos valores normais en xeral, tanto as máximas como as mínimas, sobre todo as máximas" con presenza no interior de Galicia de "algunha néboa e xeada, pero débiles".
Isto tras informar o balance provisional correspondente a este ano, o máis cálido da serie de datos das que dispoñen o AEMET, e que se remontan a mediados do século XIX. "En Galicia foi extremadamente cálido, o segundo máis cálido da serie histórica, igualado con 2022 e por detrás de 2023". En canto a precipitación, apuntou que se rexistrou un 25 % máis do que é normal no período de xaneiro a novembro, a falta de ter os datos de decembro.
OUTONO "HÚMIDO E CÁLIDO"
Xa sobre o outono, indicou que foi "húmido e moi cálido" con 1,3 graos máis do que é habitual nestas datas. "O sexto outono máis cálido da serie histórica, aínda que lonxe do de 2023", aclarou. De setembro, resaltou o feito de que fose "moi frío" fronte a un outubro "moi cálido" aínda que incidiu sobre todo en novembro, un mes "extremadamente cálido, o máis cálido da serie histórica en Galicia". "Superáronse os 25 graos, temperaturas máis de verán", sentenciou. Como exemplo, puxo a máxima rexistrada o día 7 na Coruña, "25,4 graos que é a máxima absoluta para un mes de novembro aquí".
En canto a precipitación no trimestre, remarcou que foi húmido, aínda que tampouco "especialmente rechamante" cun 20 % máis de choiva. Do período que vai de setembro a novembro, destacou este último mes do que dixo que foi "seco". "Só choveu un 58 % do normal no trimestre", apostilou. Xa sobre decembro, incidiu en que a primeira quincena foi máis cálida do normal, a pesar dalgún día frío. "Tamén está a resultar seco non parece que vaia a chover moito", aseverou.
Para o período de inverno, de febreiro a marzo, apuntou que existe unha probabilidade moi alta de que sexa "máis cálido do normal, sobre todo en zonas costeiras" e en canto a precipitacións "menos húmido do normal". "Aínda que hai máis incerteza, non quere dicir que vaiamos ter seca", aclarou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.