A UPG gaña unha Asemblea á que acudiron o 35% dos que votaron en Amio

Cumpriuse o guión previsto. A candidata da liña oficialista do BNG, Ana Pontón, é xa a primeira muller que chega a voceira nacional. Aymerich anuncia a súa marcha. Vídeo das resolucións e do discurso final no interior.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/02/2016 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Ana Belén Pontón Mondelo, actual voceira parlamentar, levará o leme dun Bloque que promete refundarse. Con todo, os plans electorais seguen a ser o mesmos. A diversidade ideolóxica e o volume da militancia da fronte, pola contra, é sensiblemente menor.

Votando na XV Asemblea do BNG no Palexco da Coruña
Votando na XV Asemblea do BNG no Palexco da Coruña

Pontón gañou grazas, entre outros factores, ao pacto entre a Unión do Pobo Galego -partido no que milita- e o Movemento Galego ao Socialismo -partido tamén comunista cuxos dirixentes proceden en boa medida da UPG. 

No Palexco da Coruña 1.191 persoas votaron á candidatura de Ana Pontón. 170 votos foron para a de Carlos B. Ansoar, un militante do Barbanza que foi o único dos críticos en dar a cara nas urnas. Houbo 131 brancos e 25 nulos.

Son en total 1.517 sufraxios, 2.866 menos (un 65% inferior) que os contados na Asemblea de hai catro anos en Amio. Daquela Carlos Aymerich e Francisco Jorquera se repartiron case en parte iguais 4.383 sufraxios para ver quen era o candidato á Xunta. Tras Amio, o Bloque sufriu dúas escisións importantes e unha progresiva sangría de votos e militantes. No referido a militantes, polo visto e oído este domingo, a sangría pode prolongarse.

Nas votacións previas ao documento político, a liña oficialista tamén gañou, pero houbo varios votos particulares que rozaron os 500 apoios.

Asemblea do BNG no Palexco da Coruña
Asemblea do BNG no Palexco da Coruña | Fonte: BNG FEne

Unha mostra que non todos no Bloque están cómodos coa receita de actualizar o discurso e a organización sen introducir cambios profundos. Nin se abre a porta aos pactos coas mareas nin se obriga a disolver os partidos e correntes que conviven na fronte.

Estas eran dúas das demandas de Abrente, a corrente máis socialdemócrata entre os nacionalistas. O seu líder Carlos Aymerich confirmou na propia Asemblea que marcha da fronte, canso de pertencer a unha organización na que non se ve representado. Está por ver cantos das persoas próximas a Abrente tamén collen a porta. Outros críticos, como Carme Adán ou Alba Nogueira comprometeron seguir na fronte.

A chegada de Pontón ao liderado é moi significativa. Por vez primeira o principal partido da historia do nacionalismo, a UPG, non cede o cargo de voceiro nacional. É máis, pesos pesados desta forza -como Néstor Rego, Bieito Lobeira, Montse Prado, Goretti San Martín ou Rubén Cela- están na Executivo.

Na lista ao Consello Nacional non hai rastro de membros de Abrente nin sequera de independentes como o até hoxe voceiro nacional, Xavier Vence, ou da deputada Carme Adán, quen públicamente pediron un cambio de rumbo ante o contínuo devalo nas urnas. 

“Un revés electoral non esgota un proxecto político!” proclamou Pontón no seu discurso de investidura. Na Asemblea non se abordou quen será o cabeza de cartel nas vindeiras eleccións a Xunta. 

O BNG aprobou numerosas resolucións, entre outras: a prol da independencia de Cataluña, contra a prórroga de ENCE, en solidariedade co pobo kurdo, co pobo palestino e pola liberdade de Arnaldo Otegui “inxustamente encarcelado pola súa defensa dos dereitos nacionais de Euskal Herri “ por vías pacíficas e democráticas. Velaquí o discurso completo da nova portavoz do Bloque Nacionalista Galego:

Vence na Asemblea do BNG
Vence na Asemblea do BNG
Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: MGS Twitter
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

4 pasinto

Todo é UPG, en ocasións vexo UPG inda que o 60% do CN non sexa da UPG (independentes, lista do Barbanza, MGS...) e o 50% da Executiva tampouco. Galicia Confidencial é case tan troll como a FPG.

3 Gamela

AMÉN Ana Pontón alomenos nas súas verbas finais recoñece que está onde está grazas a Paco Rodríguez (a única verdade de toda esta Homilia) AMÉN

2 Héctor Sánchez

PUNTO 3 DA EMENDA Á TOTALIDADE DE ABRENTE 3. O IMPRESCINDÍiBEL: A REFUNDACIÓN DO NACIONALISMO DE ESQUERDA Non debemos confundir os meios cos fins. Desde hai máis de cento e cincuenta anos moitas xeracións de galegos e galegas traballaron (traballamos) para construír unha Galiza soberana, próspera e xusta.... ,hoxe debemos recoñecer que o ciclo político do BNG rematou e, con el, o das organizacións (Abrente, UPG, MGS) que del fan parte. Que os novos tempos reclaman de nós novas fórmulas políticas, sen por iso renegarmos do legado do BNG. En consecuencia, a xestora do BNG iniciará de imediato contactos con todas as organizacións (políticas, sociais, sindicais) e persoas individuais que se reclamen nacionalistas con vistas A CONSTRUIR UNHA NOVA ORGANIZACIÓN POLÍTICA UNITARIA E DEMOCRÁTICA PARA O NACIONALISMO DE ESQUERDA

1 Chinche7m5Z

Hai que se túzaro. Mira que hai problemas que preocupan hoxe aos galegos, entre eles a formación do novo goberno do Estado, e adícanse a pedir a liberdade de Otegui. O radicalismo de postureo -pq logo cando gobernan son iguais co PP- é unha das causas do desastre do Bloque. Pero sarna con gusto non pica.

1 Un galeguista triste

O único que se pode dicir é que o BNG vai botan do do seu carro que camiña cara a ninures aos mellores. Quedan os bandullos aghradecidos que loitan ata o final, non por ideoloxía, senón por primun vívere. Hai que saber perdoalle, outra cousa é deixalos meter os fuciños en calquera cousa seria.