Por Galicia Confidencial | Vigo | 12/03/2016 | Actualizada ás 10:00
O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), tentou este venres rebaixar a tensión con Xosé Manuel Beiras, profesor e compañeiro seu na Facultade de Económicas da USC e recoñeceu que mantén desde hai anos, e "con independencia das posicións políticas", unha "moi boa relación de respecto mutuo" co portavoz de AGE.
Este vínculo, dixo, remóntase a "épocas pasadas, cando a ditadura significaba que os que faciamos política podiamos acabar detidos ou dous anos fóra de España por non poder regresar, como me sucedeu", rememorou. “Aquela relación permanece e vai permanecer" pero que non exime a Xosé Manuel Beiras, suliñou, "da responsabilidade de non estar á beira de Vigo cando o necesitaba".
En todo caso, desculpou "un pouquiño" a falta de apoio de Xosé Manuel Beiras, á reforma da Lei do chan, pola que se soluciona o problema xurdido con Citroën para ampliar as súas instalacións. “Fágoo porque creo que é refén de xente radical de ultraizquierda, anticapitalista e antisistema que o que queren é queimar Citroën e queimar Vigo", dixo despois de que o líder de Anova evitara polemizar con el este xoves afirmando que lle "ten aprecio".
"Un pouquiño vouno a desculpar porque sei que el quería admitir a trámite esa emenda -á Lei do Chan- e a proba é que non foi a votar en contra", indicou. En todo caso, lembrou que el mesmo pediu publicamente ao portavoz parlamentario de AGE este apoio e "non houbo resposta", polo que mantivo que, "naquel momento, o comportamento de Beiras foi contra Vigo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.