Temas: FUXIDAS

A Ribeira Sacra está de moda

Esta zona de Galicia que comprende as ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño no sur de Lugo e norte de Ourense aumentou as visitas turísticas nestes dous últimos anos unha media dun 16% anual.

Por GC Tendencias | Monforte de Lemos | 17/03/2016 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A Ribeira Sacra é coñecida en todo o mundo pola calidade dos viños criados nas súas espectaculares ladeiras e conseguidos grazas á unha “viticultura heroica” pero tamén pola abondosa presenza de igrexas e edificios románicos e pola beleza das paisaxes labradas polos seus ríos.

Aba canón do Sil
Aba canón do Sil | Fonte: Doade

Dende hai anos estase a potenciar o turismo na zona mellorando os servizos e aumentando as propostas para os visitantes e o bo traballo está dando froitos. Todo isto sábeo ben Alexandra Seara, xerente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra. Falamos con ela.

-Primeiro de todo, cóntanos brevemente que é o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra?

É unha entidade local de carácter supramunicipal, integrada por 21 concellos (13 da provincia de Lugo e 8 de Ourense), máis o Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra e a Asociación Ribeira Sacra Rural. A súa responsabilidade principal é a unidade do territorio en pro da dinamización e promoción turística da marca e do destino Ribeira Sacra.

-Cantos anos levas na xerencia e como aumentou o turismo na zona?

Meandro da Cubela
Meandro da Cubela | Fonte: Ribas de Sil

Levo 7 anos na xerencia. Pois neses 7 anos fun testemuña dun imparable incremento interanual, estando nos dous últimos anos arredor do 16% anual.

-Que tal a relación de traballo co actual presidente do Consorcio, Luís Guitián?

Excelente. A verdade é que xa como Alcalde de Sober é unha persoa moi dinámica, con ganas de innovar e con gran dedicación. Son tres aspectos fundamentais para o seu cargo. O certo é que tanto co anterior Presidente, Juan Carlos Armesto, como con Luís, é moi doado traballar.

-Pódese dicir que a Ribeira Sacra está de moda? Máis turistas do país ou máis estranxeiros?

Rotundamente SI, Ribeira Sacra está de moda. Os turistas son principalmente españois (máis do 88%), pero os estranxeiros tamén están a incrementar o seu peso nas estatísticas. Fundamentalmente procedentes no norte e centro de Europa.

-Aprendeuse a vender a RS tamén en temporada baixa? A base de creatividade e/ou publicidade, supoño...?

Si, a desestacionalización en Ribeira Sacra ten uns índices moito maiores que calquera outro destino de Galicia. Os meses de outubro e novembro son cada vez mellores, e iso non acontecía hai uns anos.

-De cara a Semana Santa, que atractivos temos para visitala?

Se xa en calquera momento do ano hai moito que ver e que facer en Ribeira Sacra, en Semana Santa as propostas multiplícanse. Por parte do Consorcio, volven as rutas do Viñobús, as rutas guiadas do románico e unha xornada de Geocaching para os máis cativos. Pero en cada Concello tamén atoparemos programacións  de grande interese para os visitantes: Feira do Viño de Amandi de Sober, Feira do Viño de Quiroga, a Festa da Augardente en Portomarín, a Feira Medieval de Monforte. Os barcos volven aos encoros: Rutas fluviais polo Sil dende Santo Estevo, Abeleda, Doade ou Chancís, polo Miño, dende Belesar. A oferta é de grandes e pequenas embarcacións, polo que se poden facer viaxes á medida de pequenos grupos. Tamén podemos aproveitar para ver demostracións cerámicas en Gundivós ou en Niñodaguia, ou museos: museos do viño e de arte sacro en Monforte, Ecomuseo de Arxeriz, Pazo de Tor, museos etnográfico e xeolóxico de Quiroga, ou o museo etnográfico de Castro Caldelas.

Vista da Ribeira Sacra
Vista da Ribeira Sacra
Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A ver cando poñemos de moda O Courel ? https://goo.gl/QmzFOI