Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/02/2025 | Actualizada ás 18:37
O memorial ás 90 vítimas da represión franquista enterradas no cemiterio de San Breixo, en Celanova, será inaugurado o domingo 23 de marzo, cun acto institucional no que participarán, entre outros, membros do goberno local, o delegado do Goberno en Galicia, membros do Comité de Memoría Histórica da Comarca de Celanova, investigadores e familiares das vítimas. O monumento está formado por un pau de ferro que sostén dúas placas de aceiro cos nomes dos represaliados e o lema 'En recordo das vítimas da represión fascista entre 1936 e 1943 soterradas neste cemiterio'.
O memorial elévase sobre a lápida dunha sepultura que rende homenaxe ás vítimas da comarca e a columna está rematada por dúas pombas. O deseño é obra do artista plástico celanovés Baldomero Moeiras. Os actos do domingo consistirán nunha recepción institucional por parte do Concello de Celanova ás familias e a representantes das institucións, entre elas, da Dirección Xeral de Memoria Democrática de Asturias. A continuación procederase ao descubrimento do memorial e do monumento da exhumación, que instalará o equipo de Histagra, coordinador do Plan Cuadrienal da Memoria Democrática Galicia 2021-2024, e que acometeu a intervención na chamada 'fosa dos asturianos'.
Aos actos asistirán unha ducia de familias das vítimas, que foron localizadas polo Comité de Memoria Histórica. Trátase de 5 familias de Asturias (dado que a maioría do continxente de presos e tamén dos falecidos ou asasinados no cárcere eran asturianos), dúas familias de Castela e León, dúas familias de Madrid, unha de Castela A Mancha, unha de Andalucía, outra de Estremadura e unha familia de Monforte de Lemos (Lugo). Estes actos foron presentados este mércores polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, xunto a outros responsables municipais e xunto a familiares de represaliados. O rexedor agradeceu ás familias a constancia na procura dos restos dos seus achegados, así como o labor do Comité.
O rexedor tamén confirmou que o 24 de febreiro participará en Xixón na entrega dos restos de Baldomero Vigil-Escalera á súa familia. Vigil-Escalera foi o terceiro dos fusilados en setembro de 1939 contra os muros do cemiterio e foi enterrado nunha fosa común. A súa identificación foi posible grazas ás probas de ADN e ao traballo conxunto do Imelga e o Instituto de Ciencias Forenses Luís Concheiro. Na lista de vítimas do memorial figuran os nomes de sete galegos: os irmáns Manuel e Emilio Fuentes Canal (detidos en Ourense en xullo de 1936 e asasinados en Celanova en agosto), Benito Bello Fernández (falecido en 1938 na prisión), Manuel Faría (cidadán portugués veciño de Luíntra, e falecido en 1938 na prisión), Domingo Mantilla González (falecido en 1939 na prisión), Enrique Senra (falecido na prisión en 1941), e o guerrilleiro e militante do PC, Ramón Yáñez Pereira (asasinado en xullo de 1943).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.