Por Galicia Confidencial | Vigo | 08/04/2016 | Actualizada ás 12:00
“Gallaecia estaba tan ben nomeada que foi única das provincias romanas que conserva o seu nome”, mentres os nomes doutras provincias como a Tarraconense, Lusitana ou o Bética foron desaparecendo e substituíndose por Cataluña, Portugal ou Andalucía. Así o expresou o escritor e doutor honoris causa Xosé Luis Méndez Ferrín no seu regreso á Universidade de Vigo, onde impartiu un relatorio na Facultade de Filoloxía e Tradución da man do grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedade (GRADES).
Baixo o título 'O nome de Galicia', o escritor e político fixo un percorrido pola historia do nome do noso país, dende antes da conquista do territorio polo Imperio Romano pasando pola constante evolución dunha forma que, como destaca o profesor, conservou a súa orixe.
Así, Ferrín salientou que Gallaecia é único dos nomes dos territorios que perdura dende a época romana, xunto con Hispania. Con todo, lembrou que este non foi o primeiro nome que os romanos lle deron a Galicia, senón que inicialmente se denominou Transduriana Provincia, en referencia aos seus límites xeográficos, aínda que esta forma non se consolidou e prevaleceu o nome histórico, Gallaecia, que finalmente oficializou Diocleciano.
O dominio románico con máis palabras prerrománicas
Para Ferrín, Galicia é un bo exemplo de “continuidade humana e cultural ao longo da historia”. A pesar da romanización, Galicia é “probablemente o dominio románico cuxos habitantes teñen na cabeza un maior número de palabras prerrománicas”. Moitos deses termos son de uso habitual, como toxo ou carballo, pero outros moitos chegaron ata a actualidade a través da toponimia.
“Temos centos ou miles de nomes de lugar que son prerrománicos e están cifrados en linguas que desapareceron, pero que temos na cabeza, como Coruxo, Teis ou Miñor”, explicou o escritor.
Un deses topónimos é a propia palabra Galicia, que se escribiu por primeira vez en grego, xa que o pobo celta non tiña escritura. Así, a primeira vez que aparece o termo escrito é como Kalleikia e os seus habitantes aparecen citados como kallaikoi. En latín evolucionou a Kallaecia, que posteriormente substitúe letra a xorda por unha sonora para converterse en Gallaecia.
Segundo Ferrín, varios autores apuntan a que ese cambio se debeu ás similitudes que os pobos estranxeiros atopaban entre os galegos e os galos da Galia, polo que se achegaron ambos nomes. “Isto revela que unha serie de autores latinos e gregos tan importantes como Estrabón, autor da cita máis antiga que hai de Galicia no século I a.C., sabían que existían os galegos e eran considerados un pobo diferente doutros próximos, como os lusitanos”, recoñecidos como unha “entidade económica, social e política diferenciada”.
O honoris causa vigués citou tamén as referencia a Galicia noutros autores como Tito Livio, o poeta Ovidio ou Plinio, que recolle a histórica relación do home galego co cabalo bravo e amosa a constancia de certos usos e hábitos culturais ao longo dos séculos.
O Reino Suevo
A caída do imperio romano no 412 deu paso ao Reino Suevo, mentres o resto de Hispania se converteu no Reino Visigodo. Segundo Méndez Ferrín, a existencia dese reino independente “non pode ser alleo á evolución do latín vulgar das persoas nunha dirección propia cara a lingua actual”.
Esta situación mantívose ata o ano 585, cando se produciu a invasión árabe de boa parte da Península Ibérica, o que o escritor cualifica como unha “catástrofe” para Gallaecia. E é que o comezo da Reconquista e a expansión cara o sur foi determinante para a independencia de parte do reino que pasa a converterse no que hoxe é Portugal, dando lugar no río Miño a unha das fronteiras máis antigas de Europa, informa M. del Río do DUVI.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.