Por galfon (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/) | GC ABERTO | 08/04/2016
Cando un reside nun municipio que ten un estaleiro para non facer barcos, acaba por estar curado de espantos, ser inmune ás ocorrencias dos políticos de sempre, e escéptico por tanto coas campañas mediáticas que estes utilizan ante o desafío contendente no seu intento de malversar a realidade, para así, lograr que fagamos oídos xordos a alternativas emerxentes e manipulando a palabra, conseguir que sigamos acatando as súas pautas e mesmo comportándonos da maneira que eles queren.
Todo un intento de valerse da titularidade do presebe mediático para seguir fartándonos coa indixesta falacia dos seus 40 anos de progreso contra a realidade dunha desmedida regresión tanto en materia de dereitos como no relativo á repartición da riqueza.
A estas alturas por tanto, despois dos resultados colleitados nas últimas lexislaturas onde o imperio das políticas socioeconómicas de corte neoliberal marcou o decaemento no futuro de multitude de afectados, ninguén nos seus cabais pode outorgar fiabilidade política a quen perversamente e con enganos conduciunos ata a actual encrucillada, pola súa colaboración no desenfreo dunha salvaxe expansión capitalista.
Por iso que ante este escenario de regresión democrática, por mais que cínicamente queiran facer ver á xente o seu propósito en xerar un cambio político, o certo é que a súa única intención de enmenda non vai mais alá de maquillar a a súa continuidade.
Por tanto na actual tesitura resulta un anacronismo o só feito de pensar que os responsables da actual deriva sexan politicamente os chamados a reconducir a situación, pois a forza dos feitos vén demostrar que o neoliberalismo das últimas décadas está totalmente esgotado, e que por tanto, empeñarse en manter a súa continuidade orixinará unha situación política altamente inestable á vista da súa incapacidade de promover ao mesmo tempo o crecemento económico e o desenvolvemento social.
Extremo que de non corrixirse, ameaza con trastornar o actual madeirame institucional e producir con iso un cataclismo de primeira orde, ante o feito mais que probable, que o descontento social converta a situación nun perigo potencial ata o límite de poñer en cuestión a viabilidade do propio modelo de Estado.
Facer caso omiso desa probabilidade, cando as consecuencias do neoliberalismo conducíronnos cara a un permanente fracaso, é negar esa evidencia e precipitar a propio intento o percorrido cara a tal desenlace, co agravante engadido, de saber que a súa aplicación é o factor causante dunha situación política e económica a todas luces insustentable.
Labirinto que de ningún xeito terá saída co pacto PSOE-C's pois aínda sendo dous partidos distintos teñen o denominador común dun só IBEX verdadeiro e como dogma de fe a conxunción da súa analoxía neoliberal.
Unha amálgama que non sendo a solución de nada, revisten de positivismo coa intención de captar anexións de descoidados inxenuos, ocultándolles desde a manipulación que o contido do seu pacto político, é mais do mesmo, que non defende intereses distintos aos do círculo da súa propia órbita, cos que comparten débedas, políticas económicas e submisión ás súas directrices, pois nestas lides non son as urnas nin o interese xeral quen se impón senón as vantaxes dos que residen na cara oculta da democracia e cuxas aspiracións por conveniencia transformaron en necesidades do sistema.
Se doutro xeito fose e o PSOE non houbera capitulado á presión dos mercados acatando como propia a imposición do pacto con Cidadáns, non se tería frustado anticipadamente a mais sólida alternativa dun goberno de progreso en alianza con Podemos e demais forzas afíns; pero no guión deste vodevil de conxuras e enredos estaba escrito de antemán, antes mesmo das eleccións xerais e mais alá do resultado que ao partido morado deparásenlle, e todo coa meta posta en impedir que "tocase" cota de poder.
Arrevesada confabulación que a teor da súa turbidez non só exime a Podemos de toda culpabilidade suposto caso que a súa deriva lévenos a unha nova confrontación electoral, senón que mesmo favorecería a súa conta de resultados diante uns novos comicios, pola súa condición de único referente fiable disposto a avanzar polo camiño das reformas sociais profundas e igualitarias
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.