Os avais á compra de vivenda para menores de 35 e sen límite de idade poderán solicitarse desde o 1 de abril

O importe máximo da vivenda libre non poderá superar os 260.000 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, os 210.000 euros en Lugo e Ferrol e concellos de tamaño medio e carácter periurbano; ou os 180.000 euros no resto de municipios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2025 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O prazo para a presentación de solicitudes para recibir un aval para a compra de vivenda, tanto no réxime para menores de 35 anos como a liña sen límite de idade, poderán cursarse desde o próximo 1 de abril. Así figura na orde da convocatoria destas dúas liñas de avais, que recibiu o visto e prace do Consello da Xunta o pasado luns e que publica este mércores o Diario Oficial de Galicia (DOG). As dúas convocatorias suman un global de 5 millóns de euros de orzamento, aos que poderán acollerse as persoas que queiran adquirir unha vivenda co aval da Administración autonómica.

Edificio de vivendas en construción, a 10 de xullo de 2024
Edificio de vivendas en construción, a 10 de xullo de 2024 | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

As bases determinan que o inmoble debe localizarse en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente, polo menos, durante o período de duración do aval. Así, unha vez que o propietario bone á entidade financeira a cantidade equivalante ao aval público recibido, esta axuda "deixará de estar vixente" e, por tanto, non estará obrigado a cumprir con estas condicións. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do próximo 1 de abril de 2025 co 31 de outubro como último día para cubrilas. Ou ben, cando se esgote o crédito de 5 millóns que lle asignou o goberno que preside Alfonso Rueda.

Os beneficiarios dos avais deberán estar empadroados en Galicia e ter menos de 36 anos no momento de presentar a solicitude do aval para a adquisición do seu primeiro fogar. No caso da liña sen límite de idade, os solicitantes deberán cumprir os requisitos esixidos para o acceso ás vivendas protexidas. Para poder obter un destes avais será condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o 80 % e o 100 % do importe de adquisición da vivenda, e as contías que abone a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pago desta débeda hipotecaria.

LÍMITES

Desta forma, o importe máximo da vivenda libre non poderá superar os 260.000 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense, os 210.000 euros en Lugo e Ferrol e concellos de tamaño medio e carácter periurbano; ou os 180.000 euros no resto de municipios. Se a adquisición é dunha vivenda protexida, tanto en primeira ou sucesivas transmisións, o inmoble debe contar coa cualificación definitiva como vivenda protexida de protección autonómica na data de publicación da convocatoria, e o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.

Os beneficiarios deberán acreditar uns ingresos anuais mínimes de dúas veces o Iprem (16.800 euros) e un tope de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros). Se a compra realízana máis dunha persoa, o límite conxunto ascende a 54.600 euros, é dicir, 6,5 veces o Iprem. No suposto de adquisición de vivenda protexida, os ingresos serán os que determine a súa normativa reguladora e non se aplicarán os indicados anteriormente citados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta