“Se nos comparamos con outras partes, en Galicia temos bastantes zonas dos ríos en bo estado”

Responsables de Augas de Galicia e da Confederación Miño-Sil destacan o bo estado das augas fluviais galegas e apostan por unha conservación dos ríos que pase por unha abordaxe integral das concas.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 03/05/2016 | Actualizada ás 09:43

Comparte esta noticia

“O que pasa augas arriba, afecta augas abaixo”. Con esta frase exemplificou o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, o principio da ‘unidade de conca’, idea na que incidiron varios dos participantes no II Seminario de Xestión e Conservación dos Ecosistemas Fluviais, que se desenvolveu na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Co propósito de poñer en valor a necesidade dunha abordaxe integral das concas como o xeito de garantir a conservación destas masas de auga e dos seus ecosistemas, así como o papel que, en ámbitos como a bioenxeñaría, poden xogar os enxeñeiros e enxeñeiras forestais, esta xornada reuniu neste centro do campus pontevedrés a unha decea de expertos, que abordaron aspectos como a xestión dos espazos protexidos, o desenvolvemento dos plans hidrolóxicos ou diferentes experiencias en materia de conservación e sensibilización ambiental. 

Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha
Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha

A idea da unidade de conca e da importancia de ter en conta “que todo o que acaba chegando ao río ten unha influencia” neste foi tamén resaltada polo subdirector xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, Roberto Arias, que, xunto con Marín, incidiu nas medidas recollidas nos plans hidrolóxicos aprobados no 2009 a raíz do disposto na normativa marco comunitaria. Uns plans que, salientou Marín, constitúen “unha radiografía en continuo dunha conca” e que a raíz desta directiva incorporaron unha “mentalidade máis ambiental”, xa que previamente “o seu obxectivo era satisfacer demandas, ver canta auga se necesitaba nun sitio e que infraestruturas eran precisas para satisfacela”. 

Esta radiografía, explicou Marín , permitiu comprobar que o 76% das masas de auga que abranguen as concas do Miño e do Sil, ademais do Limia, se atopaban nun estado “mellor que bo”, cifra que ascendía ao 77% no caso do plan Galicia Costa, dependente de Augas de Galicia. De aí que Arias concluíse que “se nos comparamos con outras partes de España, en Galicia temos bastantes zonas dos ríos en bo estado”.

Partindo da máxima de evitar o seu deterioro, o responsable de Augas de Galicia apuntou ás múltiples actuacións recollidas no plan hidrolóxico, desde a loita contra a contaminación até o acondicionamento e recuperación das ribeiras ou a propia política forestal, “unha parte fundamental que se debería potenciar aínda máis”, dixo.

Así mesmo, Arias puxo o acento na importancia de figuras como as reservas naturais fluviais, que foron o eixo da intervención de Mónica Velo, da Área de Calidade de Augas de Galicia, tamén representada neste seminario por Raquel Piñeiro, quen abordou os traballos de elaboración do novo plan hidrolóxico para o ciclo 2015-2021.

Francisco Marín, pola súa banda, detívose nalgunha das problemáticas que impiden que ese estado “máis que bo” alcance o 100% das concas da Confederación Hidrográfica, onde se xera “case o 20% da produción hidroeléctrica nacional”. Neste punto, aludiu en primeiro termo aos efectos que supón, en termos de acidificación das augas, a actividade mineira, tanto á asociada á lousa, como ao carbón nas comarcas astur-leonesas, á que sumou a “contaminación difusa” derivada da actividade agrogandeira.

O experto apuntou tamén que a dispersión da poboación en Galicia provoca que existan “multitude de puntos de vertido e de extracción de auga” ao longo dunha conca fluvial, así como os efectos que nestas poden ter os “fenómenos meteorolóxicos extremos”, como as inundacións e as secas. “Aquí a vosa formación terá moito que dicir no futuro”, sinalou ao alumnado Marín, ao tempo que puxo en valor o proxecto de especialización do Campus da Auga, en Ourense, xa que a xestión deste recurso constituirá, dixo, “un campo importante de traballo”, informa Eduardo Muñiz no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta