Prisión para dous homes detidos polo asasinato a tiros nun bar de Carballo

Os presuntos autores foron localizados en Madrid e Barcelona seis meses despois do crime, considerado un axuste de contas vinculado a redes criminais

Por Europa Press / Redacción | CARBALLO | 03/05/2025 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A Garda Civil confirmou a detención de dous homes presuntamente implicados no asasinato de José Luís Alvarado, coñecido como Chelo el regidor, ocorrido o 4 de decembro de 2024 no bar Castro de Carballo. Ambos os detidos, de 33 e 29 anos, foron localizados e arrestados en Madrid e Barcelona no marco da operación Regidom, e xa ingresaron en prisión provisional tras declarar no Xulgado de Instrución número 2 de Carballo.

Varios axentes da Garda Civil acordoan a zona do suceso en Carballo
Varios axentes da Garda Civil acordoan a zona do suceso en Carballo | Fonte: M. Dylan

Segundo explicou a Garda Civil nun comunicado, os autores entraron no bar con o rostro cuberto e armados, disparando á vítima diante de varios clientes. Tras executar os disparos, fuxiron nun patinete eléctrico. A Garda destaca a súa “frialdade” e “pericia coas armas”, así como o “impacto social” causado polo suceso.

A investigación, que se estendeu durante seis meses, foi liderada polo Grupo de Delitos contra as Persoas da Comandancia da Coruña, que xa participou en casos mediáticos como os de Diana Quer ou Asunta Basterra. Desde o inicio, a principal liña de traballo foi a dun posible axuste de contas, debido á natureza da agresión e a antecedentes da vítima, presuntamente vinculada a organizacións criminais no seu país de orixe.

Durante as pescudas, realizáronse análises forenses, vixilancias discretas e toma de declaracións, así como o uso de ferramentas xudiciais específicas que permitiron identificar os sospeitosos, quen adoptaran medidas para evitar deixar rastro.

Unha vez reunidas as probas necesarias, a Garda Civil organizou un operativo coordinado. En Barcelona, a detención levouse a cabo sen incidentes coa colaboración dos Mossos d’Esquadra. En Madrid, debido ao potencial risco do segundo sospeitoso, interveu a Unidade Especial de Intervención (UEI) da Garda Civil, especializada en actuacións de alto risco.

Ambos os detidos foron trasladados a dependencias da Garda Civil e posteriormente postos a disposición xudicial, quedando en prisión provisional mentres continúa a instrución do caso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta