Por Europa Press / Redacción | MADRID | 03/05/2025 | Actualizada ás 15:06
O comité estatal creado para investigar o apagamento eléctrico do pasado 28 de abril, que afectou diferentes zonas de Galicia e do resto do Estado, avanzou este sábado coa creación de dous grupos de traballo especializados, centrados en determinar as causas técnicas e posibles orixes dixitais da incidencia.
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, presidiu a segunda reunión do comité, celebrada na sede de Rede Eléctrica de España (REE) en Madrid. Nela acordouse activar un grupo sobre o funcionamento técnico do sistema, coordinado polo seu departamento e con presenza da CNMC como convidada, e un segundo centrado na hipótese dun ciberataque, liderado polo Ministerio de Transformación Dixital.
O Ministerio informou que os equipos técnicos xa están a analizar os datos remitidos polos máis de 30 centros de control, empresas de xeración e distribuidoras, aínda que parte da información solicitada continúa pendente de recibir.
Durante o encontro, que se estendeu por máis de catro horas, a presidenta de REE, Beatriz Corredor, comprometeu a plena colaboración da compañía, destacando a importancia de reforzar a seguridade do sistema eléctrico español. Corredor participou no inicio da xuntanza pero abandonou posteriormente, xa que o operador non forma parte formal do comité.
Un dos puntos clave do proceso de análise é a coñecida como 'caixa negra' do sistema eléctrico, un rexistro exhaustivo que contén millóns de datos operativos correspondentes ao día do apagamento e aos sistemas informáticos implicados, e que permitirá seguir a pista dos feitos que levaron á caída da subministración.
Aínda que non se estableceron prazos concretos, os dous grupos de traballo xa se reuniron esta mesma fin de semana e continuarán investigando de xeito paralelo a orixe da falla e os posibles fallos de seguridade dixital, nun contexto de crecente preocupación pola vulnerabilidade das infraestruturas críticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.