Enerxéticas deseñan o material docente da materia de Sustentabilidade na FP

STEG e organizacións ecoloxistas denuncian que a Xunta tenta " limpar a imaxe" das industrias da enerxía fósil "e vestir de sustentábel o que non o é".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/05/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

A nova lei  orgánica de Formación Profesional aprobada en 2022 supuxo a incorporación de novos módulos formativos aos currículos de todos os ciclos de grao medio e superior. Un deles é o de Sustentabilidade aplicada ao sector produtivo, que segundo o RD que desenvolve a ordenación do sistema de FP, ten como obxectivo desenvolver no alumnado competencias básicas en economía verde, coñecemento do  impacto ambiental do ámbito no que vai traballar, e das modificacións da actividade requiridas pola transición ecolóxica plasmadas  nos plans de sustentabilidade das empresas. 

Refinaría da Coruña
Refinaría da Coruña | Fonte: REPSOL

Este novo módulo comezouse a impartir neste curso 2024/25, collendo por sorpresa a unha boa parte do profesorado, que se viu obrigado a preparar unha materia nova e para a que non sempre contaba con coñecementos e materiais. Para solventar esta eiva, a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades, e FP organizou a finais do curso pasado unha actividade de formación do profesorado, dúas edicións de 21 horas de duración en modalidade online e na que participaron arredor de 200 docentes nos meses de xuño e xullo de 2024. 

O principal aliciente desta formación eran os materiais que se proporcionaban ao profesorado, toda unha guía para organizar a docencia, con apuntamentos e propostas de actividades. Con todo o pack do curso (tanto a elaboración dos materiais como a impartición e titorización da docencia) estivo a cargo da Fundación Naturgy, a raíz do convenio asinado pola fundación herdeira de Gas Natural co Ministerio de Educación. 

"QUEN SE ATREVE A CRITICAR A ALTRI OU ENCE?"

Ao longo do actual ano lectivo, tal e como informa STEG nun comunicado, moitas foron as persoas docentes que botaron man destes materiais, apremiadas pola falta de tempo para prepararen con xeito as clases. "A fin de contas, este novo módulo acabou por ser asignado, as máis das veces, ás e os substitutos ou interinas, afeitas a seren as últimas en chegar ao centro cada curso, obrigadas a reinvertarse de ano en ano, a preparar novos módulos... Mais, quen se atreve, desde un ciclo da familia profesional da Madeira, a criticar o modelo produtivo de Ence ou de Altri, cando estas empresas serán, con moita probabilidade, quen contratarán unha importante porcentaxe do alumnado na nova FP Dual?", suliña este sindicato.

Por iso, este sindicato xunto coa Federación Ecoloxista Galega, a Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural consideran que esta materia e o material entregado para a súa docencia serve para " limpar a  imaxe" das industrias da enerxía fósil "e vestir de sustentábel o que non o é. "Sustentabilidade será, pois,unha nova marca para maquillar prácticas de destrución do patrimonio natural e cultural, do mesmo xeito que a nova FP Dual tende a convertirse nun viveiro de man de obra barata", denuncian.

REPSOL

De feito, e neste curso 2024/25, a encargada de trasladar os materiais ao corpo docente non ten nada que envexar en pegada de carbono á súa predecesora. "Trátase, nesta ocasión, de Repsol, outra enerxética que, a través da súa fundación e do proxecto Zinkers, tenta blanquear o seu contributo ao cambio climático mediante a súa inclusión no ámbito da divulgación verde”, critican as entidades nun comunicado.

Por iso, estas entidades denuncian que a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a deixar en mans de organizacións do ámbito das enerxías fósiles a formación da docencia nun módulo que tería que contribuír xustamente a unha mudanza activa nas prácticas produtivas dos sectores do país, tanto industriais como de servizos, e da concienciación do alumnado e da sociedade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta