Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 11/05/2025 | Actualizada ás 12:00
Proseguimos o artigo principiado na anterior entrega (na que, se ben lembramos, reflectiamos recursos paremiolóxicos galegos cos que unha persoa revela fastío, aborrecemento, cansazo, repulsión ou sensacións semellantes ante alguén que repite de xeito insistente, teimudo ou cargoso algún dito ou acto que resulta molesto), desta volta coas secuencias expresivas galegas que presentan unha maior semellanza formal coas castelás (y) dale, (y) dale que dale, (y) dale que te pego ou (y) vuelta y dale.
¡(Y) Dale (...)!
¡(Y) Dale que dale (...)!
¡(Y) Dale que te pego (...)!
¡(Y) Vuelta y dale (...)!
¡(Y) Venga (...)!
{= Secuencias expresivas con que, amosando fastío, aborrecemento, cansazo, repulsión ou sensacións semellantes, se dá a entender que alguén repite de xeito insistente, teimudo ou cargoso algún dito ou acto que resulta molesto.}
¡(E) Dálle (...)!
¡(E) Dálle que dálle (...)!
¡(E) Volta (...)!
¡(E) Volta e dálle (...)!
¡(E) Veña (...)!
¡(E) Veña e dálle (...)!
¡(E) Dálle que tumba (...)!
¡(E) Dálle e tumba (...)!
¡(E) Dálle e tumba e revira (...)!
¡E tumba e revira (...)!
¡(E) Tumba que dálle (...)!
¡(E) Tumba e dálle (...)!
¡(E) Bumba (...)!
¡(E) Bumba e dálle (...)!
¡(E) Zumba e dálle (...)!
¡(E) Tumba e tarumba (...)!
¡(E) Tumba e taramba (...)!
Ex.: —Vosotros podéis decir misa, pero eso era penalti. —¡Y dale (que dale # que te pego)! ¡Qué coñazo de tío, madre mía!
—Vós podedes dicir misa, pero iso era penalti. —¡E dálle ‡ E volta ‡ E volta e dálle ‡ E veña ‡ E veña e dálle ‡ E dálle que tumba ‡ E dálle e tumba ‡ E dálle e tumba e revira ‡ E tumba e revira ‡ E tumba que dálle ‡ E bumba ‡ E bumba e dálle ‡ E zumba e dálle ‡ E tumba e tarumba ‡ E tumba e taramba! ¡Que cangazo de tío, mi madriña!
Ex.: ¡Y dale (que dale # que te pego) con lo de que te deje ir a la fiesta!
¡E dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E volta co de que te deixe ir á festa ‡ E volta e dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E veña co de que te deixe ir á festa ‡ E veña e dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E dálle que tumba co de que te deixe ir á festa ‡ E dálle e tumba co de que te deixe ir á festa ‡ E dálle e tumba e revira co de que te deixe ir á festa ‡ E tumba e revira co de que te deixe ir á festa ‡ E tumba que dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E bumba co de que te deixe ir á festa ‡ E bumba e dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E zumba e dálle co de que te deixe ir á festa ‡ E tumba e tarumba co de que te deixe ir á festa ‡ E tumba e taramba co de que te deixe ir á festa!
● Tamén:
¡(Y) Dale, machaca (...)!
¡(E) Boura (...)! && ¡(E) Boura que boura (...)! && ¡(E) Veña a bourar (...)! && ¡(E) Peta (...)! && ¡(E) Peta que peta (...)! && ¡(E) Veña a petar (...)! && ¡(E) Malla! && ¡(E) Malla que malla! && ¡(E) Veña a mallar (...)! && ¡(E) Chuza! && ¡(E) Chuza que chuza! && ¡(E) Veña a chuzar (...)! && ¡(E) Machuca/Machaca (...)! && ¡(E) Machuca/Machaca que machuca/machaca! && ¡(E) Veña a machucar/machacar (...)!&& [E INDA, NALGÚN CONTEXTO]: && ¡(E) Larga (...)! && ¡(E) Larga que larga (...)! && ¡(E) Veña a largar (...)!
● Tamén:
¡(Y) Erre que erre (...)!
¡(E) Veña a bater nela (...)! && ¡(E) Veña a bater no mesmo (...)! && ¡(E) Fío dobre, dobre fío (, ...)! && ¡(E) Veña fío dobre, dobre fío (, ...)! && ¡(E) Tataratá (...)! && ¡(E) Cucurrucú (...)! && [E MAIS TAMÉN, POSIBLEMENTE POR CALCO DO CASTELÁN]: ¡(E) Erre que erre (...)!
Ex.: —Vós podedes dicir misa, pero iso era penalti. —¡E boura (que boura) ‡ E veña a bourar ‡ E peta (que peta) ‡ E veña a petar ‡ E malla (que malla) ‡ E veña a mallar ‡ E chuza (que chuza) ‡ E veña a chuzar ‡ E machaca (que machaca) ‡ E veña a machacar ‡ E veña a bater nela ‡ E veña a bater no mesmo ‡ E (veña) fío dobre, dobre fío ‡ E tataratá ‡ E cucurrucú! ¡Que cangazo de tío, mi madriña!
Ex.: ¡E boura (que boura) ‡ E peta (que peta) ‡ E malla (que malla) ‡ E chuza (que chuza) ‡ E machaca (que machaca) ‡ E larga (que larga) ‡ E veña a bater nela ‡ E veña a bater no mesmo ‡ E tataratá ‡ E cucurrucú co de que te deixe ir á festa!
● E mais tamén, sobre todo dando conta de casos en que van seguidas dunha secuencia que complementa o enunciado:
¡(Y) Erre que erre con + secuencia complementaria!
¡(E) Á de Deus que (...)! && ¡(E) Arre dos demos con + secuencia complementaria! && ¡(E) Teima dos demos con + secuencia complementaria! && ¡(E) Veña a bater nela con + secuencia complementaria! && ¡(E) Veña a bater no mesmo con + secuencia complementaria! && [E MAIS TAMÉN, POSIBLEMENTE POR CALCO DO CASTELÁN]: ¡(E) Erre que erre con + secuencia complementaria!
Ex.: ¡Y erre que erre con que a ver si le dan un nietecito!
¡E á de Deus con que a ver se lle dan un netiño ‡ E arre dos demos con que a ver se lle dan un netiño ‡ E teima dos demos con que a ver se lle dan un netiño ‡ E veña a bater nela con que a ver se lle dan un netiño ‡ E veña a bater no mesmo con que a ver se lle dan un netiño! && ¡E arre dos demos co tema ‡ E teima dos demos coa retrónica de a ver se lle dan un netiño!
NOTA:
1. Tamén, en bastantes destes contextos, se pode botar man dunha secuencia que en realidade resulta bastante máis empregada para, coa intención de abreviar e de evitar facer unha enumeración máis completa ou exhaustiva, dar a entender que alguén dixo ou fixo máis cousas cás que o falante está a referir, sobre todo se estas veñen a ser máis ou menos semellantes e implican ou ben continuidade ou ben un certo grao de reiteración ou repetición: estámonos a referir a “E que tal e que tumba”.
Ex.: O guicho arrimouse á barra e empezounos a contar que marchara con vinte anos para Alemaña, que acababa de se pensionar, que a muller o deixara había uns meses e que tal e que tumba... e así, cubata vai e cubata vén, cando nos demos conta xa pasaban das dúas da mañá.
Pero que, como dicimos, tamén é susceptible de emprego para manifestar o contido que estamos a tratar no presente artigo:
Ex.: —Vós podedes dicir misa, pero iso era penalti. —¡Vaite, ho! ¡E que tal e que tumba! ¡Que cangazo de tío, mi madriña!
Ex.: ¡E que tal e que tumba co de que te deixe ir á festa!
Ex.: ¡E que tal e que tumba con que a ver se lle dan un netiño!
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán, de entre 1928 e 1931. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- VV.AA.: Expresións galegas. Escolma. Obra á que no seu día se accedeu, a través da internet, no enderezo seguinte: http://xatevexo.blogspot.com/2007/07/expresions-galegas.html .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.