“A Xunta tentou encubrir a relación entre a crise e o aumento dos suicidios”

O suicidio xa é a causa de morte que máis medra entre os mozos. Lugo é a provincia do Estado con máis mortes deste tipo. Son datos estarrecedores que se producen sen que o Goberno Galego reaccione. Falamos con Miguel Anxo García Álvarez, do Movemento Galego pola Saúde Mental, sobre o papel dos medios, a ocultación dos datos e que facer se temos sospeitas de que unha persoa pensa suicidarse.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 14/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental
Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental

En Galicia case cada día unha persoa decide acabar coa súa vida. Así e todo, o suicidio nunca sae entre as principais preocupacións da sociedade nin a Administración o situa como unha das súas prioridades de saúde pública …
O suicidio ten asociado o estigma da culpa, da vergoña, do pecado mais inaceptable. As persoas vencelladas por relacións de afecto ou simplemente proximidade a quen morreu ou o intentou, interróganse sobre o que non fixeron  ou o que poderían ter feito. A experiencia é moi dolosa, desconcertante e complexa. O pasado no que mesmo era un delito aínda está próximo. Cando unha persoa se suicida dise que “comete suicidio” nunha clara referencia ó carácter prohibido e intencional do acto.

Preferimos mirar para outro lado?

Claro que a sociedade mira para outro lado, e aos gobernantes responsables do coidado da saúde pública esa actitude facilítalles eludir a súa responsabilidade a pesar de que saiban que deben actuar para previlo. Porque se pode previr tal como insiste a Organización Mundial da Saúde.

Que Lugo sexa a provincia con máis suicidios explícase por ser unha das zonas máis vellas do Estado?

Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental
Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental

O suicidio é mais frecuente en idades mais avanzadas. Nese senso a relación é obvia. Pero iso nin o explica todo nin nos di nada de porque xente máis maior se suicida. O certo é que esa mera constatación non vale de cae nada. Necesitamos coñecer que factores inflúen en que isto ocorra e para iso están os estudos epidemiolóxicos que, en relación a calquera problemática de saúde, buscan coñecer os determinantes da mesma, e así orientar as accións eficaces para a súa prevención. Faise así para entender todas as enfermidades. Pero no caso do suicidio só se contabilizan mortos en lugar de investigar para coñecer os motivos que os causan.  E de todo isto quen ten directa responsabilidade é a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Que responde a Xunta cando -ante a evidencia das cifras- se lle interpela que cómpre un plan de prevención do suicidio? En teoría, non debería ser un plan que causara ningunha controversia política ....

A Xunta non di nada. Nin nega nin fai. Evita a cuestión. Cando llo reclaman no Parlamento remite vagamente ó suposto desenvolvemento no Estado dun plan que a dia de hoxe segue sen existir, a pesar de que dende os Parlamentos se instou ós gobernos, central e Xunta, a actuar. Tamén intentou encubrir ata agora a relación do suicidio ca crise dicindo que non estaba demostrada, e negando o incremento de mortes. Agora xa ten demostradas,  esgraciadamente, ámbalas dúas cuestións e segue sen actuar.

Por que dio Movemento  que a Xunta fixo a política oposta da recomendada pola Organización Mundial da Saúde?

Porque debilitou a protección social, reduciu gravemente recursos sanitarios públicos e en particular non reforzou a rede de saúde mental e de Atención Primaria de Saúde, situouse tal como informaron os medios de comunicación recentemente á cola do crecemento económico o que conlevou entre outras consecuencias o crecemento da pobreza, sostívose pasiva ante a carga da débeda sobre as familias, e tardou demasiado en comezar a reaccionar ante os desafiuzamentos.

Existe unha relación directa entre a fortísima crise económica que aínda soporta Galicia e o Estado e o aumento dos suicidios?

Xa está demostrada mediante investigacións a relación entre crise, situación de paro e incremento de suicidios, en particular no grupo de homes en idade de traballar na franxa dos 45 ós 65 anos. E o mesmo factor apunta a relación no sector mais novo. Dos datos coñecidos podemos afirmar que tan preocupante como o incremento de mortes por esta causa é que crecera mais no período 2011-2013 no grupo de 10 a 24 anos.

Que actitude debemos ter os profesionais do xornalismo cando teñen que informar dun suicidio?

Débese informar conscientemente dunha morte que se produce por unha causa externa evitable. Non se debe ocultar porque é unha información que a sociedade debe obter para coñecerse e así sensibilizarse. Non se debe informar de métodos e ten que coidarse que a información non dane ás persoas vencelladas ou que  dane a imaxe da persoa falecida.

Ó mesmo  tempo debe transmitirse información de recursos asistenciais e da importancia de falar e non avergonzarse por telo pensado ou preparado. Falar é a clave: dende os medios de comunicación ca sociedade, as persoas entre si, e quen este en risco cos profesionais sanitarios cando sexa necesario.

Hai moito escurantismo sobre as cifras oficiais de suicidios. Mesmo o INE deixou de publicalas como tal hai moitos anos. A que se debe este silencio? Está probada a existencia dun 'efecto chamada' similar ao que se ten descrito para os pirómanos?

Non existe “efecto chamada”. Só existen prexuízos e estigma. E  tamén existen  intereses políticos nos gobernos cando se demostra que as medidas gobernamentais adoptadas ante a crise crearon ou agravaron condicións de risco que causaron mortes evitables.

Se sospeitamos que unha persoa da nosa contorna ten tendencias suicidas, que debemos facer?

Tomarse en serio os avisos que se identifiquen. Todos os intentos de suicidio deben ser tratados como importantes independentemente da letalidade do acto. Convén falar directamente da cuestión, axudar a identificar o motivo mais importante e explorar ca persoa, falando, posibilidades e alternativas ante o mesmo. Si a idea está asociada a un estado de depresión marcada, importante ansiedade e alteración do sono e/ou apetito, soedade, empobrecemento ou perdas recentes que se asocien a sentimentos de culpa ou vergoña, debe buscarse axuda profesional de saúde mental.

O Movemento Galego pola Saúde Mental é un grupo cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de  familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo, Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais  de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e  Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de  Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.

Miguel Anxo García Alvarez Portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental
Miguel Anxo García Alvarez Portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 XanKaraLlás

Que carallo pasou co meu acertadísimo comentario que fixen hai pouco?