Protesta contra a "explotación laboral" e "precarización" da Xunta e patronal nas residencias privadas

Traballadores intensifican as súas protestas cunha caravana reivindicativa por Ferrolterra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

As traballadoras das residencias privadas de maiores e centros de día de Galicia protagonizaron este mércores unha nova xornada de protesta no marco da súa folga no sector. CIG trasladou que claman "contra a explotación laboral", á vez que reivindican "salarios dignos e a redución da xornada laboral", entre outras demandas.

No caso de Ferrol, a mobilización materializouse nunha caravana reivindicativa que percorreu varios concellos de Ferrolterra, partindo ás 10,30 horas da residencia DomusVi Laraxe (Cabanas) e pasando polos concellos de Cabanas, Fene, Ferrol e Narón, para finalizar cunha concentración ás 12,30 horas fronte á residencia DomusVi Narón. Aínda coa "grave situación" que denuncian padecer na maioría das residencias privadas, as traballadoras continúan mobilizándose para reclamar melloras substanciais nas súas condicións laborais e salariais.

Nun comunicado, sinalan que, a pesar da súa dedicación diaria ao coidado das persoas usuarias, a patronal e a Xunta de Galicia "precarizan día a día" as súas vidas, permitindo que unhas 8.000 traballadoras do sector cobren por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Cualifican esta situación como máis propia da "escravitude" que do século XXI.

A precariedade, segundo denuncian, é unha constante no seu día a día, a pesar de desenvolver un labor "esencial" para miles de persoas dependentes. Acusan á Xunta de Galicia, coa conselleira Fabiola García á cabeza, de converter os coidados nun "negocio", favorecendo a grandes multinacionais e fondos de investimento que xestionan servizos privados con diñeiro público, sen ter en conta as "penosas condicións de traballo" do persoal e a "mala calidade" do servizo que reciben os residentes.

CONDICIÓNS

Ademais, unha membro do comité de empresa da residencia DomusVi Laraxe detallou as difíciles condicións laborais que enfrontan. A traballadora describiu unha situación "complicada" debido á "falta de persoal", o que impide desenvolver o traballo da mellor maneira posible e limita os tempos dedicados á atención dos residentes, especialmente en tarefas básicas como levantalos e asearlos.

Tamén denunciou a escaseza de persoal de limpeza, cunha soa traballadora por planta para atender numerosas habitacións, e a falta de cobertura de baixas e vacacións, o que agrava aínda máis a sobrecarga de traballo. A traballadora relatou como a falta de tempo impide ofrecer unha atención máis aló do básico (aseo e alimentación), limitando a posibilidade de conversar cos maiores ou realizar actividades que melloren a súa calidade de vida, á vez que fixo un chamamento ás familias para que se impliquen na situación, aínda que recoñeceu que moitas mostran reticencia a facelo.

As demandas das traballadoras céntranse principalmente na mellora salarial, considerando "intolerable" que en 2025 haxa persoal cobrando por baixo do SMI, dada a alta carga de traballo. Tamén esixen un aumento dos cocientes de persoal para poder atender dignamente aos residentes, especialmente en centros con persoas moi dependentes.

Protesta das traballadoras de residencias privadas
Protesta das traballadoras de residencias privadas | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta