Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 18:35
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que os tempos de espera nos hospitais comarcais para unha cirurxía nos hospitais comarcais de Galicia está "varios días por baixo" da media galega e "das máis baixas de España" a final de 2024.
En concreto, tal e como detallou o titular de Sanidade en resposta a unha pregunta da parlamentaria popular María Dores Hermelo, o hospital Virxe da Xunqueira de Cee rexistrou unha espera media de 36 días; o hospital do Barbanza, 29 días; o hospital da Mariña, 46; o de Monforte de Lemos, 36; o hospital de Valdeorras, 31 días; o de Verín, 48; e o hospital do Salnés, 40 días.
Ademais, Caamaño remarcou que a poboación galega espera "59 días menos" que a media nacional para acceder a unha intervención cirúrxica, segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, con datos de decembro de 2024, que sitúan a Galicia como "a cuarta comunidade autónoma con mellores datos de listas de espera".
Así mesmo, o conselleiro apuntou que, a peche de 2024, "só un 36% dos pacientes esperaron máis de 60 días por unha consulta en Galicia", mentres que no resto de España, engadiu, "esa porcentaxe alcanzou o 62,3%".
"Todas as áreas sanitarias sitúanse moi por baixo de media de España, o que demostra que imos polo bo camiño", aseverou Gómez Caamaño.
APARCADOIRO HOSPITAL MONTECELO
Doutra banda, o conselleiro de Sanidade tamén respondeu a unha pregunta da parlamentaria socialista Pomba Castro sobre o aparcadoiro do Hospital Montecelo de Pontevedra.
Así, Gómez Caamaño asegurou que a construción do novo Montecelo incluirá 128 prazas de aparcadoiro gratuíto que se sumarán ás 261 xa existentes. En total, dixo, haberá preto de 1.300 prazas no aparcadoiro do centro hospitalario pontevedrés, que a Xunta prevé licitar este ano.
Con todo, a deputada do PSdeG demandou máis aparcadoiro gratuíto e "mellorar a mobilidade" da contorna de Montecelo. "Non queremos que se faga negocio", insistiu Castro, a quen o conselleiro respondeu: "A vostedes gústalles o aparcadoiro gratuíto cando as prazas as fan os demais. Cando gobernaron en Santiago non se preocuparon por facer gratuítas ou abaratar o aparcadoiro do Clínico".
OBRA NOVO CHUAC
Así mesmo, a deputada do PSdeG Silvia Longueira preguntou á conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, se as obras do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) estarán finalizadas en 2027.
Na súa resposta, a titular de Infraestruturas asegurou que traballan para licitar antes de final o contrato de obra da fase 2 do complexo, a edificación máis grande, e para destinarán 400 millóns de euros.
Do mesmo xeito, a conselleira defendeu que, unha vez finalizado, o CHUAC ofrecerá case 260.000 metros cadrados de novos espazos asistenciais, un 15% máis de camas, un 50% máis de consultas e un 108% máis de postos de urxencias. "Non dubiden nin por un momento que a construción do novo CHUAC é un proxecto prioritario", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.