O PP rexeita que se deneguen as axudas públicas a Altri no Congreso

Foi tras unha inciativa do BNG na que o PSOE se abstivo.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 07/05/2025 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O PP rexeitou na Comisión de Industria e Turismo do Congreso unha iniciativa do BNG na que instaba o Goberno central a non dar ningún tipo de axuda á empresa Altri para o seu proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei. O PSOE e Vox optaron por absterse, mentres que ERC, EH Bildu e Sumar apoiárono.

Tratábase dunha proposición non de lei --iniciativa non vinculante-- do Bloque Nacionalista Galego, coa que buscaba deixar por escrito o rexeitamento expreso a ofrecer axudas públicas ao proxecto de Altri en Galicia.

No texto, ao que tivo acceso Europa Press, o BNG instaba o Goberno central a rexeitar a inclusión do proxecto de Altri entre as propostas financiadas con axudas públicas con cargo ao PIICE ou calquera outra axuda directa ou crédito. Segundo argumenta o BNG, este proxecto ten un "enorme impacto ambiental", así como na actividade agrícola e gandeira, os recursos hídricos, o ecosistema do río Ulla, a riqueza Zona mariñeira e pesqueira da Ría de Arousa e espazos da Rede Natura.

Ao seu xuízo, incumpre "claramente os criterios establecidos pola Unión Europea para a promoción do investimento sustentable" e que indican que os proxectos deben contribuír a establecer economías máis sustentables e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas.

FÓRA DO PERTE DE DESCARBONIZACIÓN

Hai unhas semanas, o ministro de Industria, Jordi Hereu, ratificou que Altri quedou fóra das axudas do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) de descarbonización ao non obter "a puntuación mínima para a avaliación".

Hereu sinalou que "Greenfiber, Altri, como outras empresas, neste caso non obtiveron a puntuación mínima para a avaliación nin tampouco sacaron a puntuación en todos e cada un dos parámetros". Aínda que puntualizou que é unha avaliación "estritamente técnica" e engadiu que as compañías "teñen dereito a alegar, como en calquera outro proceso".

Fachada do Congreso dos Deputados
Fachada do Congreso dos Deputados | Fonte: Gustavo Valiente

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta