BNG pide ao Goberno deter as agresión racistas a obreiros das obras do Acceso Porto Exterior da Coruña

Nestor Rego denuncia a "agresión racista e xenófoba" dun obreiro por parte dun operario dunha subcontrata.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2025 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas nas Cortes do Estado para que o Goberno actúe ante as denuncias públicas sobre "a vulneración de dereitos laborais e agresións racistas" --como o cualifica o partido nacionalista-- por parte da Unión Temporal de Empresas (UTE) que executa as obras da conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña.

Segundo informou a formación nun comunicado, Rego trasladou o apoio do BNG ás traballadoras e traballadores que realizaron un peche para reclamar melloras na seguridade e unhas condicións laborais dignas. A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou a semana pasada publicamente a agresión verbal e física sufrida por un traballador das obras do tren a Punta Langosteira por parte dun operario dunha subcontrata.

A comezos desta semana, o comité de empresa realizou un peche, que durou preto de nove horas, para "reclamar melloras na seguridade e unhas condicións laborais dignas ante a pasividade da empresa ante unha agresión racista e xenófoba", tal e como o describe o BNG. "A pesar de que a CIG puxo en coñecemento da UTE e foi tratado en diferentes reunións, o agresor continúa desenvolvendo as súas funcións nas obras e coincidindo diariamente coa vítima agredida", criticou o deputado nacionalista.

Ante esta situación de "actitude pasiva", que en opinión de Rego é "inxustificable", por parte da UTE, o BNG reclama agora ao Goberno do Estado iniciar todas as xestións necesarias para asegurar que se respecten os dereitos das e dos traballadores nas obras da conexión ferroviaria ao porto exterior da Coruña.

Segundo relatou o deputado do BNG, os feitos sucederon nunha obra pública executada baixo a supervisión do Goberno do Estado a través do Ministerio de Transporte e ADIF, por tanto, tamén corresponde a esta administración asegurar que as condicións de traballos son "seguras e libres de agresións racistas e xenófobas".

Obras do Porto Exterior da Coruña
Obras do Porto Exterior da Coruña | Fonte: galicianaves.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta