A choiva non foi impedimento para que case 700 participantes gozaran da 'Primavera de Portas Abertas' en Valdeorras

As xornadas estiveron organizadas pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras.

Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 15/05/2025 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras celebrou con éxito unha nova edición da Primavera de Portas Abertas reunindo a 657 participantes, nunha cita marcada polas condicións meteorolóxicas adversas, pero tamén "pola excelente acollida das propostas programadas e o perfil interesado e comprometido do público asistente", comentan dende a organización.

Visita a unha cova en Valdeorras (Primavera de Portas Abertas D.O. Valdeorras). Foto: Asoc. Ruta do Viño de Valdeorras.
Visita a unha cova en Valdeorras (Primavera de Portas Abertas D.O. Valdeorras). Foto: Asoc. Ruta do Viño de Valdeorras.

“Este ano a choiva impediu alcanzar as cifras récord de 2024, pero si notamos un salto cualitativo moi importante: os visitantes apostaron decididamente polas actividades e mostraron un gran interese polos nosos viños e os nosos recursos naturais e patrimoniais”, valorou o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Marcos Prada. Neste senso, das 16 actividades programadas para a fin de semana, 15 puideron desenvolverse con total normalidade, demostrando a boa organización e o compromiso dos establecementos participantes.

As visitas a adegas, catas, roteiros pola natureza e o patrimonio e outras iniciativas contaron cunha participación moi notable, malia ao tempo, e resultaron altamente atractivas para toda a xente que participou.

AGRADECEMENTOS

O presidente da entidade organizadorae dinamizadora do territorio amparado pola D.O. Valdeoorras quixo agradecer especialmente o esforzo de todos os membros da Ruta e dos colaboradores locais, destacando que “esta edición puxo de manifesto que Valdeorras está a converterse nun destino consolidado dentro do enoturismo galego, capaz de atraer a un público fiel mesmo en condicións difíciles”.

Cata de viños de Valdeorras nunha xornada de 'Primavera de portas abertas da D.O. Valdeorras'. Foto: Asoc. Ruta do Viño de Valdeorras. d
Cata de viños de Valdeorras nunha xornada de 'Primavera de portas abertas da D.O. Valdeorras'. Foto: Asoc. Ruta do Viño de Valdeorras. d

Prada expresou tamén os seus mellores desexos para as xornadas que se realizan este mes no resto de D.O. de Galicia, organizadas polas súas respectivas Rutas do Viño, e un especial agradecemento á Axencia de Turismo de Galicia polo seu continuo apoio a esta iniciativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta