Por Europa Press / Redacción | VIGO | 17/05/2025 | Actualizada ás 14:37
O gran incendio rexistrado nunha nave de xestión de residuos no Porriño, que provocou o colapso do teito, quedou extinguido á primeira hora da tarde deste sábado, segundo informa o 112 Galicia. Ademais, a Xunta xa desactivou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e os numerosos medios mobilizados desde diferentes puntos da provincia de Pontevedra e, mesmo, desde Portugal regresaron ás súas bases.
Segundo informa o 112 Galicia, varios particulares chamaron sobre as 10.50 horas para advertir deste lume iniciado nestas instalacións do Polígono das Gándaras, das que emanaba unha gran columna de fume visible a varios quilómetros. Inmediatamente, a central de emerxencias puxo en marcha un operativo cos bombeiros do Porriño, O Morrazo, Vigo, Ribadumia e Valença do Minho, así como o GES de Mos, a Garda Civil e a Policía Local.
Así mesmo, o Grupo de Apoio Loxístico (GALI) mobilizou unha cisterna de gran capacidade, mentres que Urxencias Sanitarias-061 desprazou ata o lugar unha dotación, aínda que polo momento non hai constancia de danos persoais.
A Xunta activou o Platerga debido ás dimensións deste incendio para "facer fronte á situación de risco e garantir unha resposta eficaz e coordinada" entre os diferentes organismos de emerxencias, tal e como explica o 112.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.