Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 14:45
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o eurodeputado socialista Nicolás González Casares instaron este luns ao Partido Popular a demostrar se o seu apoio ao uso do galego no Parlamento Europeo é sincero. "É o momento de quitar a careta", sostiveron. Acompañados pola deputada Silvia Longueira, ambos os socialistas compareceron este luns en rolda de prensa para instar ao PP a materializar nas institucións europeas o apoio dado á iniciativa do PSdeG aprobada no último pleno da Cámara galega para demandar que se habilite o uso deste idioma na Eurocámara.
"En Galicia abrimos a porta para que o galego entre en Europa. Queremos saber se o PP está disposto a cruzala ou se todo foi unha pantomima", advertiu Besteiro. O líder socialista lembrou que a proposta aprobada por unanimidade no Parlamento galego foi presentada pola deputada do PSdeG Silvia Longueira. "Os socialistas non celebramos o galego un día ao ano, senón todos os días, con políticas reais, tamén en Madrid e en Bruxelas", sinalou. Besteiro insistiu na necesidade de pór en marcha "políticas útiles, realistas e con visión de futuro". "O galego ten que converterse nunha prioridade. Para iso fai falta planificación, investimento e, sobre todo, vontade política, todo o contrario do que fai o PP", indicou.
SESIÓN DE CONTROL DA CÁMARA
Durante a súa intervención, o secretario xeral dos socialistas galegos criticou a "exclusión" do PSdeG das preguntas na sesión de control ao presidente durante o pleno que arrincará o martes no Pazo do Hórreo. "Non puidemos preguntar no pleno por culpa dunha pinza entre o PP e o BNG, que pretende silenciar a voz do PSOE nesta Cámara. Non lles interesa que cuestionemos ao presidente nin que defendamos con forza a lingua galega. Pero non imos calar", trasladou.
Pola súa banda, o eurodeputado Nicolás González Casares explicou que o traballo para que o galego sexa recoñecido no Parlamento europeo xa está en marcha. "Xa contactamos cos cinco vicepresidentes encargados da implantación das linguas cooficiais, entre eles Esteban González Pons, do PP europeo. Agora toca pasar das palabras aos feitos", trasladou. Casares lembrou que a "presidenta do Parlamento Europeo xa coñece o acordo aprobado en Galicia, igual que os eurodeputados doutras linguas cooficiais como o eúscaro ou o catalán". "Se hai vontade política, o galego pode ser unha realidade na Eurocámara en 2026. Pero sen acción do PP, todo isto qurdará en nada", dixo.
Respecto diso, Besteiro insistiu en que "a cidadanía vai por diante das institucións" como, ao seu xuízo, demostrouse o 17 de maio. "O galego necesita máis presenza real na vida pública, na educación, na cultura e nas novas tecnoloxías. O futuro da lingua xógase no dixital, no educativo e no institucional", dixo para soster que "o galego non pode quedar fóra do mundo dos máis novos nin das decisións europeas". Para iso, reclamou vontade política, "non fotos ou titulares".
ACABAR CO DECRETO "DA VERGOÑA" DO PLURILINGÜISMO
Pola súa banda, a líder nacionalista Ana Pontón censurou que "é evidente que se neste país hai alguén que non quere un acordo pola lingua é o Partido Popular, entre outras cousas, porque se encargou de dinamitar o gran pacto pola lingua que xa se tiña: o plan de normalización lingüística". Pontón advirte de que a manifestación en Santiago do pasado 17 de maio en defensa da lingua galega esixiu un cambio de políticas ao PP, posto que o "único que avanza é o monlingüismo en castelán".
Remarca que "a lingua galega está nunha situación de emerxencia", polo que "se necesita que o PP deixe de traballar en contra do galego". Apunta que o Bloque fai dúas propostas "de mínimos": cumprir o plan de normalización con prazos e recursos, así como "deixar atrás" o decreto "da vergoña" do plurilingüismo. E é que alerta de que a xeración educada baixo o decreto do plurilingüismo "é a que menos galego fala da historia", ademais de que "o 70 % dos nenos e nenas que entran pola porta falando galego saen falando castelán".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.