Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 14:28
Os representantes do servizo de limpeza sanitaria das áreas de Cee, Barbanza e O Salnés presentaron unha recollida de firmas na que solicitan equiparar as condicións laborais e económicas das traballadoras ás do resto de centros hospitalarios. Segundo trasladaron aos medios de comunicación, a CIG reuniu máis de 90 firmas de traballadoras afectadas: 48 do Salnés, 22 en Barbanza e máis de 20 en Cee.
Tal e como denunciou este luns fronte á Consellería de Sanidade o secretario local da CIG en Barbanza, Xoan García, é "inadmisible" que "traballando na mesma administración e facendo o mesmo traballo as traballadoras non teñan os mesmos dereitos". O principal motivo da denuncia, afirmou o representante de Barbanza, é que nestes centros comarcais "non se está aplicando o mesmo convenio que ao persoal de limpeza hospitalaria dos centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas)" nin que "noutros hospitais comarcais como os de Burela ou o Barco de Valdeorras".
Así, explicou que no caso de Cee e Ribeira aplícase o Convenio Provincial da Limpeza da Coruña, que supón condicións "máis precarias" tanto en "termos salariais como de dereitos sociais", fronte aos acordos vixentes nos hospitais con concesión privada ou con aplicación directa dos convenios do Sergas. Nesta liña, apuntou García, a nivel de xornada, realizan unhas 1.700 horas anuais, mentres que no convenio da Coruña, ao redor de 1.750. Unha diferenza que, asegurou, "sumada á desigualdade en permisos e licenzas" xera un "agravio inxustificable". "Non é só unha cuestión de xustiza laboral, senón tamén de dignidade profesional" subliñou García, quen concluíu que desde o sindicato queren que o persoal de limpeza "teña os mesmos dereitos estea onde estea".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.