A lexislación eólica freou os parques comunitarios e limitou a participación dos axentes locais

Unha tese da Universidade de Vigo demostra que o rural galego perdeu unha oportunidade de empregar o auxe da enerxía eólica como motor de crecemento.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 20/05/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A lexislación sobre a enerxía eólica favoreceu a instalación de parques eólicos nos montes do rural galego, concedendo ás empresas promotoras importantes dereitos, entre os que destaca a posibilidade de expropiación dos terreos necesarios para o desenvolvemento dos parques. Pola contra, este marco regulador imposibilitou o desenvolvemento de parques eólicos comunitarios, figura relevante noutros lugares do mundo, e limitou enormemente a participación dos axentes locais nos procesos de planificación e de decisión. Así o conclúe un estudo realizado por Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, na Universidade de Vigo.

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: DUVI.

En poucos anos, no territorio galego instaláronse máis de 4.000 aeroxeradores que supoñen máis de 3.300 MW en funcionamento, convertendo a Galicia nunha potencia eólica. Pero a análise polo miúdo deste proceso e do marco regulador da enerxía eólica no noso país cuestiona a súa eficacia.

Na súa tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xavier Simón, Copena analiza os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural galego entre 1995 e 2014. E conclúe que o marco regulador deseñado imposibilitou a posta en marcha de parques eólicos comunitarios e non lle concedeu aos axentes rurais un papel relevante na planificación eólica e no negocio xerado a partir da venda da electricidade. Isto condicionou os impactos socioeconómicos dos parques eólicos no mundo rural, limitando as posibilidades dinamizadoras e os efectos positivos da posta en marcha das instalacións renovables.

Deste xeito, Copena salienta que se perdeu unha oportunidade de empregar o auxe da enerxía eólica como motor de crecemento dun rural que, como destaca o investigador, “arrastra problemas económicos, sociais e ambientais que o fan esmorecer pouco a pouco”.

BASE DE DATOS INNOVADORA

O investigador destaca como un dos aspectos máis innovadores do seu traballo a análise dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos como a compravenda, a expropiación e o alugueiro, facendo unha estimación dos resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos rurais onde se instalaron as centrais eólicas.

Como explica Copena, “esta análise realízase por primeira vez no mundo para un territorio con forte desenvolvemento eólico como ocorre no caso galego”. Para iso deseñou e implementou BISEEGA, unha base de datos pioneira con información única sobre os impactos socioeconómicos existentes no medio rural galego a partir da implantación de parques eólicos.

Segundo o estudo, os axentes rurais non tiveron un papel relevante na planificación eólica e no negocio coa venda da electricidade

A partir do traballo de campo e da información inserida na BISSEGA, puido coñecer como foron os procesos de negociación entre os promotores e os propietarios dos terreos. Os resultados, como destaca, “amosan unha gran variabilidade nos resultados económicos obtidos polos propietarios dos terreos, sendo a mellor opción a do alugueiro dos terreos”. 

As rendas que percibiron os propietarios dos terreos eólicos foron, por exemplo no ano 2011, de arredor de 3.000 €/MW e, nese mesmo ano 2011, a porcentaxe media que supuxeron as rendas eólicas para os propietarios con respecto á facturación dos parques eólicos estimouse no 1,46% para o conxunto de Galicia.

O traballo permitiu tamén estimar as rendas eólicas totais anuais que percibiron os propietarios dos terreos, ascendendo este concepto aos 9.850.000 € no ano 2011.

O investigador tamén analizou o destino das rendas eólicas, estudando algunhas iniciativas dinamizadoras no mundo rural que xurdiron a partir dos ingresos xerados pola ocupación eólica e permitiron dinamizar socioeconomicamente os seus espazos xeográficos. Pero o marco regulador imposibilitou a posta en marcha de parques eólicos comunitarios e os axentes rurais non tiveron un papel relevante na planificación eólica e no negocio coa venda da electricidade, de modo que os efectos dinamizadores destes parques no rural foron escasos

FERRAMENTA PARA NOVAS POLÍTICAS PÚBLICAS

A base de datos creada por Damián Copena, ademais de para analizar o proceso de implantación dos parques eólicos en Galicia o seu impacto no rural, tamén se pode converter nunha ferramenta útil de cara ao futuro. Segundo o investigador, pode desenvolver un papel importante á hora de deseñar nos vindeiros anos novas políticas públicas que regulen os procesos de autorización para os novos parques eólicos e que permitan compatibilizar o desenvolvemento eólico e os obxectivos enerxéticos con outros obxectivos políticos de primeiro orde, como o do desenvolvemento do mundo rural, especialmente nos espazos social e economicamente deprimidos.

Neste sentido, Copena lembra que existe actualmente unha bolsa de máis de 4.300 MW eólicos en tramitación administrativa no territorio galego que poden pórse en funcionamento nos vindeiros anos. Neste contexto pon en valor diversos materiais editados polo GIEEA, como a Guía para os Propietarios dos Terreos Eólicos, en colaboración coa Fundación Juana de Vega. 

En definitiva, a tese de Copena, a partir da información recompilada na BISEEGA, posibilita o coñecemento dos fluxos de renda xerados a partir da enerxía eólica nos espazos rurais, dos mecanismos de acceso aos terreos eólicos empregados e dos impactos socioeconómicos derivados a posta en marcha dos parques eólicos no mundo rural galego, informa M. del Río no DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta