Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/05/2025 | Actualizada ás 10:19
A votación popular da gala aRi[t]mar decidiu que o poema "Onde imos agora" (Des a mar, Edicóns Embora, 2024), de Elba Pedrosa, foi o mellor do ano 2024 na Galiza, e igualmente, "não sei voar mas tenho" (Matar os Dinossauros. Cordel d’ Prata, 2024), de Cátia Cardoso, foi o mellor poema do ano 2024 en Portugal. Ambos os dous podios complétanos, pola Galiza, María Lado con "Facer o mel" e Neves Rodríguez con "Descendo a rolos"; e no caso portugués, Ricardo Gil Soeiro con "Liçao de Eudemonia" e Filipa Leal con "Arreigada".
Elba Pedrosa e Cátia Cardoso teñen en común seren mulleres, poetas e vencedoras do premio á mellor poesía do ano 2024 nos seus respectivos países. "Mais, lonxe de se conformaren como autoras dun bloque limitado polo prexuízo temático do feminino, ambas mostran a diversidade que as voces das mulleres veñen achegando á poesía nos últimos anos na Galiza e en Portugal, o cal non fai con que os mundos das poesías vencedoras non sexan complementarios nin teñan puntos en común", apuntan desde a organización nun comunicado.
Pedrosa lanza ao aire a grande pregunta de se realmente aprendemos algo ou só vivimos a remexer na lama da guerra e permanecemos na familiaridade que nos proporciona a pólvora da nosa memoria, e Cardoso responde co azar e a falta de lóxica que só a un mundo en conflito constante pode gobernar. A condición humana é, polo si ou polo non, unha condición contraditoria que ben podería estar a xerar unha tensión poética entre as dúas pezas vencedoras do premio aRi[t]mar.
Así, Elba Pedrosa e Cátia Cardoso súmanse a Mondra e Diogo Piçarra, autores das mellores músicas do ano na Galiza e Portugal, e ao Municipio de Braga, gañador do Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona. Todos os galardoados participarán na gala aRi[t]mar 2025 e alí recollerán tamén os seus premios. A gala celebrarase no mes de outubro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela.
BIOS
Alén de poeta e escritora, presentadora de televisión, actriz e xornalista, Elba Pedrosa traballa como consultora e formadora en creatividade e oratoria para institucións públicas e privadas. Antes de Des a mar publicara O que non sabías e participara no libro colectivo relatos na Rúa II.
Doutoranda em Socioloxía e Licenciada em Comunicación Social, Cátia Cardoso ten desenvolvido a súa carreira no eido do xornalismo cultural e mesmo como proxeccionista nunha sala de cinema. Antes de matar os dinossauros, xa publicara Poesia Silenciosa, Linhas Delicadas e Antes que o Amanhã se Vista de Fogo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.