Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2025 | Actualizada ás 11:26
Un erro informático ocorrido na resolución do concurso de traslado de mestres de Educación Infantil e Primaria, que este ano é de ámbito estatal, provocou que se adxudicasen oito prazas a persoas que xa obtiveran noutro proceso anterior, neste caso de ámbito galego.
Este defecto detectouno a CIG e comunicouno á Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades, que --consultada por Europa Press-- lamenta o ocorrido pero réstalle importancia, porque afecha a oito prazas sobre un total de 4.602 participantes e 2.148 adxudicacións a nivel estatal.
A Xunta resolveu o pasado mes de abril o concurso de orientación de Educación primaria, de ámbito autonómico, no que obtiveron praza 27 persoas. A comezos desta semana, a Administración galega fixo pública a adxudicación definitiva de prazas do concurso de traslados estatal, no que aparecen con praza oito persoas que xa tiñan un posto.
A Consellería de Educación atribúe este erro a un fallo informático que provocou que "non se retiraron da asignación" a esta oito persoas, tendo en conta que a normativa obriga a que queden co primeiro destino adxudicado, é dicir, o de orientación.
Todo iso implica que hai oito persoas, que poden ser doutras partes de España por ser de ámbito estatal este proceso, que quedaron sen praza a pesar de que lles correspondería. Estes postos quedarán vacantes e cubriranse a través do concurso de destinos provisionais, ata que o próximo ano se volvan ofertar polo correspondente concurso de traslados, pero xa será de ámbito galego e non estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.