Ant0ntisim0, o 'tiktoker' da curiosidade infinda: "Podo botar media hora en Google Maps e nin conta me dou"

"Se vou pasar tempo nas redes, que sexa contando o que me interesa", reivindica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/06/2025 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

Pasan as horas diante do móbil, da pantalla, da vida comprimida nun bucle de contidos vertixinosos. A maioría, pasivos. Miran, consumen, escorregan co polgar sen deixar pegada. Pero hai quen decide cambiar de banda, deixar de ser espectador e comezar a contar. Sen grandes medios, sen estratexias, sen buscar viralidade. Só coa curiosidade por motor e o galego por bandeira. As redes están cheas de xente que quere ser vista. Antón simplemente tiña cousas que dicir. Buscaba nos mapas de Google Maps, nos artigos da Wikipedia, nas webs dos concellos... Detrás da conta de Tik Tok @ant0ntisim0 hai un creador que non responde a fórmulas, que non programa vídeos nin persegue cifras. Só conta, e conta ben. Faino cun ton tranquilo, sen poses e cun humor moi retranqueiro. Faino dende Burela e en galego, porque non se lle ocorre que sexa doutro xeito cando esa é a súa lingua materna.

Antón, creador da conta de Tik Tok @ant0ntisim0
Antón, creador da conta de Tik Tok @ant0ntisim0 | Fonte: Tik Tok @ant0ntisim0

"Eu nin sequera tiña pensado de xeito consciente poñerme a facer contido nas redes", conta Antón a Galicia Confidencial. Segundo di, el era consumidor de contido online, coma todos nós, pero "estaba un pouco canso dese papel pasivo". E así, cunha mentalidade de querer saír da pasividade e pasar á acción, é como nace a conta de Antón, o creador detrás de @ant0ntisim0. Ese paso do consumo á creación foi natural: "Pensei para min: se xa invisto parte do meu tempo nas redes, por que non falar do que a min me interesa?". Botando a vista atrás, se tivese que dicir a data na que iso aconteceu, lembra que foi mentres estaba preparando as oposicións e pasaba máis tempo só do que estaba acostumado, entre ideas que lle roldaban polo cabeza, fará aproximadamente un ano. E en Tik Tok atopou a plataforma perfecta: "Facer contido en Tik Tok é verdadeiramente sinxelo, non precisas absolutamente nada de produción, de feito nos meus vídeos simplemente estou eu falando e nada máis".

"OS VÍDEOS MOITAS VECES PARTEN DE REFLEXIÓNS QUE ME VEÑEN Á CABEZA, DE COUSAS QUE ATOPO EXPLORANDO GOOGLE MAPS OU WIKIPEDIA..."

Pero a sorpresa veu despois. "O que me sorprendeu foi que a xente tamén se interesaba polo que eu tiña que dicir", dinos, aínda sen saír do seu asombro. O primeiro vídeo que o 'petou' foi un no que falaba sobre un cartaz da cidade de Santiago. "A nivel técnico non tiña nada especial, pero si que teño que dicir que lle puxen un pouco máis de agarimo que ao resto", chancea con nós. Así, de ter un público conformado por menos de medio cento de persoas que eran fundamentalmente o seu círculo de amigos, pasou con ese vídeo a ter moitos máis seguidores que descoñecía. "Ata me deixaban comentarios preguntándome onde podían mercar ou conseguir o cartaz e eu pensaba: a ver como lles digo que non se vende...", sorrí ao botar a vista atrás. Dende entón, foron moitos os contidos que acadaron xa miles de visualizacións.

Pero Antón non busca viralidade. As ideas, como nos di, non as forza. "Eu son un pouco 'friki' de certas cousas", chancea. "Moitas veces as ideas son reflexións que me veñen á cabeza; outras, cousas que atopo explorando Google Maps, un 'hobby' que teño e que me leva a pasar media hora vendo mapas de lugares sen darme nin conta; e, outras, temas que atopo cando estou buscando outras cousas na Wikipedia", asegura. Deste xeito tan natural é como van xurdindo os temas dos seus vídeos. Por exemplo, conta que un día atopou un decreto sobre como se organizan os concellos galegos mentres buscaba un dato rándom na rede, seguiu investigando e tirando do fío e así foi como chegou a coñecer por que certos concellos galegos levan 'apelido', dato que logo plasmou nun dos seus vídeos. E é que a súa curiosidade é tamén o seu motor: "Eu busco cousas na rede, como todo o mundo, só que eu vou máis ao dato, gústame explorar", asegura.

"XA HAI MOITA XENTE FACENDO COUSAS EN CASTELÁN E A XENTE GALEGOFALANTE TAMÉN TEN DEREITO A TER CONTIDO PROPIO"

Ademais, o contido de Antón está integramente en galego, por naturalidade. "É a lingua que uso habitualmente no meu día a día e non tería sentido facer vídeos noutro idioma que non fose este", chancea. E é que, como resalta, "cando empecei a facer vídeos, ían dirixidos unicamente aos meus amigos, polo que non tiña sentido facelos nun idioma distinto ao que emprego en persoa cando estou con eles". Agora ben, recoñece que aínda que o castelán puidese achegarlle a novo público, "agora que teño máis seguidores tampouco me cambiaría de idioma". De feito, considera que "xa hai moita xente facendo cousas en castelán", e que "eu as cousas que falo e que me interesan teñen que ver con Galicia, polo que é lóxico que se conten en galego". "A xente galegofalante tamén ten dereito a ter contido propio", reivindica.

E máis aló do contido de entretemento, Antón tamén se ten posicionado en temas tan polémicos como o de Altri. "Xa estaba moi posto no tema e concienciado co asunto, por iso decidín facer algún vídeo ao respecto", conta, asegurando que "non me importa dar a miña opinión nin me asustan as críticas". "A min xa se me ve vir de lonxe", chancea. Afortunadamente, polo de agora asegura non sentir o 'hate' das redes que tantos creadores padecen: "En vídeos que superan as 5.000 visitas sempre pode haber alguén que diga algunha parvada, por suposto, pero non é nada serio nin lle dou maior importancia". Finalmente, sobre o futuro da súa conta, confesa que "non teño ningún plan nin ambición de viralidade, eu teño o meu traballo e non creo que chegue a vivir disto, pero si que me gusta moito comunicar e se a alguén lle gusta o que fago, pois xenial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta