Galicia inicia o luns 29 a vacinación contra gripe e covid: os grandes recintos dán paso definitivamente aos centros de saúde

A Consellería de Sanidade lanzará o 13 de outubro un programa piloto de inmunización nos colexios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2025 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade comezará o luns 29 de setembro a campaña de vacinación contra a gripe e a Covid-19 que ampliará a cobertura antigripal en maiores e nenos, e realizarase nos centros de saúde. Así o avanzou este venres en rolda de prensa o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúlde Pública, Carmen Durán, que sinalou que na campaña do pasado ano Galicia "volveu ser líder" en taxa de cobertura, ao superar en 10 puntos a media estatal tanto en maiores de 65 anos como en poboación infantil.

Esta nova campaña, que ten un custo de 11 millóns de euros de fondos propios da Xunta, traerá diferentes novidades, como a ampliación da vacina da gripe a nenos de ata 11 anos e que será administrada por vía intranasal. A vacinación infantil fronte á gripe arrincará o 13 de outubro nos centros de saúde. Ademais, haberá un programa piloto de vacinación escolar, polo que, a partir do 13 de outubro, poderán vacinarse nos colexios participantes no proxecto o alumnado desde os 24 meses ata os nados en 2014.

No referente ás persoas maiores, a Xunta amplía a administración da vacina antigripal de alta carga ao grupo de idade dos 70 anos a 79 anos. Nesta campaña de vacinación non habilitarán grandes recintos, xa que "foron unha estratexia nun momento excepcional" como foi a pandemia e, posteriormente, mantivéronse ante os bos resultados. Esta vez, a administración das vacinas será organizada exclusivamente mediante a rede asistencial do Servizo Galego de Saúde, onde os centros de saúde serán os puntos principais. En canto ás persoas maiores de 80 anos, os residentes en centros sociosanitarios e as persoas inmunodeprimidas recibirán as doses reforzadas contra a gripe como ata o momento.

CITAS POR MENSAXE

Durante a campaña, que comezará en luns 29 e estenderase ata o 31 de decembro, as persoas desde os 60 anos e nenos de 6 meses ata os 11 anos, salvo os que participen no programa piloto de vacinación escolar, serán citados por mensaxe SMS. En canto ao resto dos grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da aplicación do Sergas. A pauta de vacinación seguirá sendo unha dose fronte á gripe e outra fronte á Covid-19. Son dúas vacinas independentes que poden administrarse de forma simultánea en lugares anatómicos distintos.

OBXECTIVOS DESTA NOVA CAMPAÑA E DATOS DA ANTERIOR

Esta nova campaña de vacinación ten como obxectivo alcanzar o 75 % en poboación maior de 60 anos e traballadores sanitarios, e en vacinación infantil o 60 %. As vacinas adquírense, por primeira vez, pola fórmula pioneira de risco compartido, o que vincula o prezo das vacinas de alta carga aos resultados en saúde e a súa capacidade efectiva para reducir o número de ingresos hospitalarios por gripe. En canto á campaña do pasado ano, o conselleiro detallou que a taxa de maiores de 65 anos vacinados contra a gripe foi do 71 % fronte aos 58,4 % da media nacional; e en vacinación infantil situouse nun 65,7 % fronte aos 48,1 % da media estatal. . Así mesmo, ante esta nova campaña a Consellería fixo un chamamento aos sanitarios para mellorar a súa taxa de vacinación e avanzou que a Consellería de Sanidade lanzará unha enquisa a este colectivo para explorar cales son os motivos polos que non se vacinan e cales son as súas expectativas que non se cumpren.

VACINA CONTRA A BRONQUIOLITIS

Pola súa banda, a vacina fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) comezará a administrarse desde o vindeiro luns, día 22, a bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir desa data e ata o final da campaña en marzo. Tamén serán citados os menores de seis meses para recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalización dos lactantes.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúlde Pública, Carmen Durán, na presentación da nova campaña da gripe
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da directora xeral de Saúlde Pública, Carmen Durán, na presentación da nova campaña da gripe | Fonte: CONSELLERÍA DE SANIDADE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta